Bombeiros forestais denuncian a "chapuza" da Xunta na organización de oposicións

Bombeiros actuando no incendio que afectou Boiro. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Na organización das oposicións, nas cales se ofertan máis de 5.400 prazas, "está a se dar unha improvisación constante, un continuo cambio de criterios, unha aleatoriedade nas decisións que se adoptan", alertan desde Apropiga.

Bombeiros forestais do servizo de prevención e defensa contra incendios denuncian unha "auténtica chapuza" na organización dos procesos de estabilización por parte da Dirección Xeral da Función Pública, da Xunta.

Na organización destes procesos, nos cales se ofertan máis de 5.400 prazas, "está a se dar unha improvisación constante, un continuo cambio de criterios, unha aleatoriedade nas decisións que se adoptan, un incumprimento constante dos prazos estabelecidos e unha flagrante falta de aplicación dalgunhas normas de relevancia que mesmo poderían invalidar todo o proceso", asegura a asociación Apropiga.

"Cambios continuos"

Estes procesos, segundo apunta, comezaron a negociarse en marzo de 2022 "e a día de hoxe, xa coas convocatorias publicadas e co período de inscrición a piques de finalizar, seguen sufrindo cambios continuos" en convocatorias, baremos, número de prazas, prazos de inscrición e corpos e escalas obxecto do propio proceso.

Apropiga considera "inaceptábel" o "alongamento" e a "vulneración dos prazos" para a conclusión dos procesos iniciados "hai varios anos atrás".

Novos procesos

Mentres, con procesos aínda sen concluír, engade, "están a se abrir outros novos exactamente iguais, algo que obriga a quen é de facto funcionario porque quedou en boa posición nas probas anteriores a apuntarse a novos procesos selectivos pagando as súas taxas", aseveran.