Bombeiros de Vigo volven alertar da falta de medios: "Se o de València sucedese aquí sería unha catástrofe absoluta"

Monumento improvisado para lembrar as vítimas do incendio de Campanar, en València, fronte aos edificios calcinados o pasado 22 de febreiro. (Foto: Rober Solsona / Europa Press)
"Se o de València pasase en Vigo, os poucos bombeiros que estariamos na intervención non seriamos capaces de salvar as vidas, non teriamos vehículos suficientes para chegar os andares", alertan, a través dun comunicado.

Dez persoas faleceron e varias resultaron feridas de diversa consideración no incendio que o pasado 22 de febreiro calcinou por completo dous edificios residenciais do barrio valenciano de Campanar, cuxas causas están agora a investigarse. Unha traxedia que resulta "extraordinaria, pero non única, nin rara", aseguran esta cuarta feira os Bombeiros representados polo sindicato CUT en Vigo, cidade que o pasado outubro chorou a morte dunha muller e tres dos seus fillos noutro fogo que conmocionou a veciñanza.

"Facer presenza non é estar. Hai que estar preparado, e o mínimo que se nos debe exixir é preparación e capacidade", apuntan, a través dun comunicado remitido aos medios. Os Bombeiros da urbe olívica levan tempo alertando da falta de persoal e advirten que, se ben "Vigo non é València e un servizo non pretende ser o outro", hai uns mínimos que "non se poden descoidar" ou, en caso contrario, "antes ou despois pagarase caro". "Non queremos imaxinar o resultado deste sinistro na nosa cidade, non faría falta tanto para que as consecuencias tivesen dimensións exponencialmente máis graves", engaden.

Para as e os profesionais da extinción de incendios, a xestión do servizo en Vigo é "imposíbel de entender desde un plano técnico", pois contan a día de hoxe con "vehículos obsoletos ou non adecuados para os labores asignados, falta total de formación para o persoal, falta dun plan de prácticas diarias e procedementos de traballo, falta dun protocolo de comunicación, falta dun departamento de prevención, falta de escala xerárquica ou a falta de mandos intermedios, cubertos estes por persoal sen formación de ningún tipo". Sobre este último punto, sinalan que o suboficial e mais o oficial "non desenvolven a súa guía de funcións".

Todas estas "graves deficiencias", afirman, son "meras anécdotas" se se comparan coa "insultante falta de persoal", a cuestión que máis lles preocupa. "Non podemos contabilizar os días que non se cobren os servizos mínimos, porque non se cobren nunca. E queremos remarcar que os servizos mínimos non recollen o número de operativos suficiente, senón o número de bombeiros por baixo dos que non se pode estar baixo ningún concepto, sendo os servizos ordinarios un 25% máis que o número recollido como mínimo", concretan.

Eles xa están afeitos, din, a que se enlacen días nos que entre os dous parques operativos na cidade haxa unicamente dous condutores, "tendo que elixir se se leva escaleira ou a auga", e tamén a que haxa días nos que se atende a cidade só desde un dos seus parques "por estar fechado o outro", aumentando nuns 10 minutos, lamentan, o tempo de resposta. Outros días, proseguen, "non hai equipo de rescate e equipo de extinción". "Estamos a aceptar que o mesmo bombeiro que leva auga para apagar o lume sexa o que rastrexe a zona para buscar as vítimas, e en moitos casos tamén o mesmo bombeiro que está ao cargo da intervención", censuran.

"Son innumerábeis os días que non hai nin un só bombeiro con formación de mando en toda a cidade, pondo en risco calquera operativo, ao cidadán e aos propios bombeiros. Nunca é posíbel ter un equipo de rescate, nin substitucións, nin persoal de apoio de ningún tipo. É imposíbel facer prácticas, porque os mesmos que están pendurados dunha corda son os que en canto soa a alarma teñen que estar no camión preparados para actuar", aseveran.

Por mor destas carencias, o corpo de Bombeiros non pode hoxe garantir "un servizo cun mínimo de calidade", algo que sucede "desde hai moito tempo" pero que nos últimos anos sumou ao "servizo de baixa calidade" a "imprudencia" e actitude "temeraria". "Neste incendio de València observamos como un sinistro pode torcerse e o servizo ten que ter capacidade de adaptarse e absorber os cambios, e seguir protexendo aos cidadáns e aos seus propios bombeiros. Se iso pasase en Vigo, os poucos bombeiros que estariamos na intervención non seriamos capaces de salvar as vidas, non teriamos vehículos suficientes para chegar os andares. A situación sería unha catástrofe absoluta", reiteran.

Lembran que levan xa "anos" alertando da situación "dantesca e insostíbel" do servizo, e agora veñen de entregar, "unha vez máis, á concelleira responsábel de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, un estudo da situación na que se atopa o Corpo, así como as súas carencias e necesidades. "Agardamos unha resposta temperá e unha actitude de colaboración para solucionar o gravísimo problema do servizo de bombeiros da cidade. Non cheguemos tarde novamente", conclúen no comunicado remitido pola CUT.