Os bombeiros de Vigo careceron "do mínimo de efectivos" en todo este ano

O concelleiro do PP de Vigo Fernando González Abeixón fronte ao parque provisional de bombeiros de Coruxo. (Foto: PP).
O xefe de servizo explica a situación no parque municipal da cidade olívica.

O xefe de Bombeiros de Vigo recoñeceu, en resposta a unha consulta do grupo municipal do PP, que ese servizo non cumpriu co mínimo de efectivos (20 bombeiros) ningún día no que vai de ano 2024, polo menos até o 8 de agosto, data na que o PP presentou o escrito solicitando esa información.

Con respecto á situación do parque de bombeiros de Coruxo, un parque provisional mentres non se finalice a construción das novas instalacións na rúa Esturáns, na resposta dada ao PP recoñécese que o parque estivo fechado 36 días até o 8 de agosto, unha cifra que, en realidade é maior, xa que os propios sindicatos denunciaron que, só desde o 9 de agosto até esta terza feira, ese parque estivo fechado unha decena de días (o último, esta terza feira).

O grupo municipal do PP lamentou que a resposta dada polo servizo, dependente da Concellaría de Seguridade, "confirma as peores sospeitas". "Como é posíbel que unha cidade non dispoña do mínimo de bombeiros necesario para garantir a súa seguridade?", lamentou Fernando González Abeixón, edil do PP, que tamén alertou de que as cifras empeorarán segundo avance o ano e lembrou que este 2024 a cidade xa viviu sucesos graves que obrigaron os bombeiros a intervir con urxencia, como o accidente mortal ocorrido nunha atracción durante as festas de Matamá.

González Abeixón insistiu en que a concelleira de Seguridade viguesa, Patricia Rodríguez, "é incapaz" de resolver esta situación que afecta un servizo considerado tan importante. "Debería darse conta da súa incompetencia e abandonar o cargo", apuntou o edil do PP, que tamén aludiu á responsabilidade final do alcalde, o socialista Abel Caballero.