Turismo

A Xunta reedita o 'bono turístico' obrigando a adiantar o pago

Un grupo de turistas na praza do Obradoiro de Compostela. (Foto: Arxina)
O programa que busca incentivar o turismo chega este ano con importantes novidades.

O 'bono turístico', unha ferramenta nada após a pandemia da Covid-19 co obxectivo de dar folgos a un dos sectores máis afectados, volve este ano con importantes novidades. O programa, aprobado esta segunda feira polo Consello da Xunta, conta cun orzamento total de un millón de euros para sufragar algo máis de 16.000 vales desconto, tal e como avanzou o presidnete galego, Alfonso Rueda, que confía en mobilizar a través desta liña de axudas até 2,5 millóns de euros no sector durante o outono.

Agora cada persoa poderá descargar dous bonos por un importe de 150 euros cada un, dos que a Xunta financiará o 40%. Porén, a diferenza do que acontecía en anteriores edicións, desta volta a beneficiaria ou beneficiario —maior de idade e residente na Galiza— deberá adiantar o 60% —90 euros— do bono para adquirilo, no canto de descargalo de forma gratuíta e logo, á hora de abonar a factura, aplicar o desconto, como viña sendo habitual nos últimos tempos.

Rueda non concretou esta segunda feira a data na que se porán a disposición do público os bonos, se ben dixo que será a partir de xuño. Unha vez mercado, poderá utilizarse entre o 10 de setembro e o 25 de decembro. E tamén en xuño comezarán a adherirse ao programa os estabelecementos turísticos de aloxamento que o desexen, así como as axencias de viaxe que teñan polo menos un centro de traballo no país e que desenvolvan a súa actividade dentro do territorio galego.

Segundo datos do Goberno galego, nos catro anos que leva en vigor puxéronse en circulación máis de 47.000 bonos turísticos, ademais de se mobilizaren máis de 14 millóns de euros. Deles, durante a pandemia foron máis de 10 millóns —cinco millóns co bono turístico sociosanitario e 5,8 millóns no ano 2021—, aos que se suman os tres millóns dos últimos dous anos.

Turismo en Compostela

Por outra parte, o presidente da Xunta foi preguntado en relación á proposta do Concello de Santiago de destinar persoal para tratar de derivar fluxo turístico a zonas alternativas da cidade, sobre o que salientou que o Executivo local ten en marcha un Plan de sustentabilidade turística para o que "tanto o Goberno estatal como a Xunta achegan cantidades importantes". E, aínda que se queixou de que "ultimamente" a Xunta "non ten moitas noticias de como vai esta elaboración", deu por feito que se trata de abordar iniciativas deste tipo.

"Eu creo que todo o que contribúa a facer máis sustentábel a afluencia de visitantes que hai en Santiago está moi ben", reflexionou Rueda, antes de concluír que supón que, "se alguén quere ir ao centro histórico, ninguén llo pode impedir" porque son moitos os turistas que chegan á capital galega con ese fin.

"Outra cousa é que se lles ofreza a oportunidade tamén de coñecer outros lugares de Santiago que tamén merecen a pena e dos que, se cadra, non tiñan noticia. Ou polo menos non unha intención tan clara como de visitar a zona antiga. Supoño que irá por aí", sentenciou, antes de manifestar que "o turismo é libre de circular por onde queira".