Bruxelas advirte de que a vertedura de pellets nas costas galegas "ameaza" o medio mariño e a pesca

Bandeiras da UE fronte á sede da Comisión Europea, en Bruxelas. (Foto: Vincent Isore / Contacto / Europa Press)
O Executivo europeo propuxo medidas para reducir a contaminación de pellets de plástico en outubro de 2023, unhas normas que Virginijus ​Sinkevicius considera "fundamentais" para loitar contra a contaminación por plásticos no futuro.

A Comisión Europea advertiu esta cuarta feira de que a vertedura de 26 toneladas de pellets de plástico fronte ás costas galegas "ameaza o medio mariño e actividades económicas como a pesca". "Estamos desexosos de debater como podemos axudar", sinalou o comisario europeo de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, no seu perfil da rede social X.

O Executivo europeo propuxo medidas para reducir a contaminación de pellets de plástico en outubro de 2023, unhas normas que Sinkevicius considera "fundamentais" para loitar contra a contaminación por plásticos no futuro.

A mensaxe do comisario responde á chamada de varios eurodeputados españois que reclamaron este martes á Comisión que se pronunciase sobre o que consideran unha "catástrofe" ambiental, aínda que Bruxelas insiste polo momento en que a xestión desta situación compete ás autoridades estatais.

Esta mesma cuarta feira, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, referiuse a estra "traxedia medioambiental" e exixiu á Comisión, "medidas urxentes para paliar a contaminación". Fronte a este "desastre ecolóxico que afecta a costa galega de norte a sur", coa chegada de pelets desde A Guarda á Mariña, e que volve representar unha enorme ameaza para o entorno natural, fauna mariña, para a pesca de baixura e para a conservación medio ambiental, a eurodeputada do Bloque subliña que é fundamental a aplicación de medidas urxentes por parte das distintas institucións

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, asegurou este martes que "neste momento" o sector pesqueiro nacional non sofre "ningunha afectación" pola presenza de pellets de plástico na costa.

Saúde alimentaria

"Non temos noticia neste momento de ningunha afectación concreta que puidese situarse no noso sector pesqueiro. Non existe nestes momentos ningunha información de problemas e vinculadas a esta situación que deriven en problemas para o consumo de peixe ou de mariscos", sinalou na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras e Ministros, recalcando que a saúde alimentaria é "fundamental".