Comisión de Peticións do Parlamento europeu

Bruxelas ampara as vítimas do Alvia na súa demanda dunha investigación independente

Teresa Gómez, Jesús Domínguez e Ana Miranda, na Comisión de Peticións do Parlamento europeu

Representantes da Asociación de Vítimas Alvia 04155 tomaron esta terza feira a palabra na Comisión de Peticións do Parlamento europeu. O órgao da cámara asume a súa demanda básica, a de que é preciso criar unha comisión de investigación independente.

O presidente da Asociación de Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, afirmou que o accidente de Angrois -81 vítimas mortais, 144 persoas feridas- non se tería producido se o Estado español tivese cumprido a normativa europea.

A Asociación de Vítimas compareceu na Comisión de Peticións após unha xestión feita pola portavoz do BNG no Parlamento europeu, Ana Miranda.

"Denunciamos o Estado español", afirmou Domínguez, "polo incuprimento das directivas 2004/49 de seguranza ferroviaria e a 2008/57 sobre a inter-operatividade do sistema ferroviario" e pola violación do "regulamento 352/2009 relativo á adopción dun método común de seguridade para a avaliación dos riscos".

Alén de incumprir a lexislación comunitaria en materia de seguranza, o Estado español non estaría a realizar unha investigación independente do sinistro, considerou o presidente da Asociación de Vítimas, respaldado polo informe divulgado en xullo pasado pola Axencia Ferroviaria Europea.

"A investigación non foi independente porque a equipa que investigou o accidente o formaron as empresas públicas implicadas no sinistro, Renfe, Adif e Ineco", dixo Domínguez, quen acusou tamén o Estado español de incumprir a directiva europea que prescribe que na eventualidade dunh accidente se debe informar e dar voz ás vítimas.

As "causas profundas" do sinistro, dixo o representante das vítimas, remiten para a responsabilidade de Renfe, Adif e Ineco, conclusión á que tamén tería chegado a Asociación Ferroviaria Europea.

Que tiña que ter feito o Estado español e que non fixo?

Basicamente non dar cumprimento ao artigo 9 da directiva 2004/49, ilustrou o presidente da Asociación de Vítimas á Comisión de Peticións do Europarlamento. "Ese artigo obriga a realizar unha avaliación de riscos e a aplicar medidas de control cando haxa cambios nas condicións de funcionamento ou un novo material supoña novos riscos na infraestrutura", dixo. Iso non se fixo cando, unha vez modificado o proxecto, as autoridades españolas decidiron non instalar o sistema de seguranza, ERMTS, no ponto máis perigoso do trazado, na entrada a Compostela, na curva de A Grandeira, onde se produciu a catástrofe.

O sistema ERTMS tería evitado a traxedia ao frear imediatamente os comboios no momento en que se produciu o fallo humano do maquinista, único responsábel neste momento aos ollos da xustiza española.

A liña tampouco era inter-operábel, isto é, non era homologábel á alta velocidade europea (as vítimas denuncian tamén publicidade enganosa, "dixéronnos que íamos nun tren que non tiña nada a ver co tren en que íamos", afirmou a vogal da Asociación, Teresa Gómez). "A liña declarouse como inter-operábel sen dispor nen do certificado da UE nen do sistema propio da alta velocidade ERMTS", dixo Domínguez.

Tampouco había "constancia" da "homologación do tren no seu conxunto" en aspectos tan básicos como "o seu deseño, compatibilidade, seguranza e peso por eixo". Este feito, indicou a Axencia Ferroviaria Europea, puido ter un papel no desencadeamento do sinistro.

As vítimas terán esta cuarta feira unha reunión co director da Axencia Ferroviaria Europea

Antes de interviren os representantes das vítimas na Comisión de Peticións, a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, informou á imprensa de que esta cuarta feira Jesús Domínguez e Teresa Gómez manterán unha reunión co director da Axencia Ferroviaria Europea.

Será o terceiro encontro desde novembro de 2015. No de xullo de 2016 o director da AFE fíxolles entrega aos representantes da asociación de vítimas o informe en que se nega carácter independente á comisión de investigación sobre o sinistro promovida polo Estado español.

"Queremos que a Axencia Ferroviaria Europea compareza no xuízo de Angrois", declarou Ana Miranda, e "queremos que o Parlamento europeu exixa responsabilidades políticas polo sinistro".

Por súa parte, a eurodeputada de AGEe Lidia Senra afirmou, na súa intervención perante a Comisión de Peticións, que "se as autoridades españolas tivesen priorizado os dereitos das persoas sobre os intereses económicos, o accidente se tería evitado". "Non é ético que se negue a verdade", dixo.