Bruxelas estuda "relaxar" as regras de protección do lobo ante o aumento de ataques a gando

Manda de lobos. (Foto: Nós Diario)
Bruxelas abriu o prazo para que as comunidades locais, os científicos e outras partes interesadas remitan datos actualizados sobre a situación ao Executivo comunitario de aquí ao próximo 22 de setembro. A información será analizada polos expertos da Comisión antes de decidir sobre os pasos para seguir.

A Comisión Europea está a solicitar información actualizada sobre a recuperación das poboacións de lobos nos Estados da Unión Europea e a súa incidencia para avaliar se supón un "perigo real" para o gando e a poboación local e decidir así se é necesario revisar as normas comunitarias que regulan a protección deste animal.

A propia xefa do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen, pronunciouse sobre o asunto ao afirmar nun comunicado que "a concentración de lobos nalgúns territorios europeos converteuse nun perigo real" para o gando e un risco "potencial" para os humanos, aínda que concedeu que a UE prevé xa "medidas" para xestionar a situación e instou ás autoridades locais e estatais a pólas en práctica.

A recuperación da especie nalgunhas rexións europeas onde estivo "ausente durante moito tempo" está a xerar cada vez máis conflitos coas comunidades agrícolas e cazadores locais", explican os servizos comunitarios, que apuntan, ademais, que hai "medidas para previr ataques ao gando que non se implementan amplamente".

Neste contexto, Bruxelas abriu o prazo para que as comunidades locais, os científicos e outras partes interesadas remitan datos actualizados sobre a situación ao Executivo comunitario de aquí ao próximo 22 de setembro. A información será analizada polos expertos da Comisión antes de decidir sobre os pasos para seguir.

"Ningunha decisión"

"Non tomamos ningunha decisión, queremos que todos os actores teñan a oportunidade de enviar información e datos sobre a súa experiencia á Comisión para ter unha visión completa dos datos", dixo nunha rolda de prensa o portavoz comunitario de Medio Ambiente, Adalbert Jahnz, en referencia á información "fragmentada" de que dispoñen agora.

"Sobre a base dos datos recompilados, a Comisión decidirá sobre unha posíbel proposta para modificar o estatuto de protección do lobo na Unión Europea e actualizar o marco xurídico, para introducir, cando for necesario, maior flexibilidade, á luz da evolución desta especie", explicou o portavoz.

En todo caso, desde Bruxelas recalcan que é un asunto sobre o que traballan desde hai tempo e lembran que xa en novembro de 2021 os comisarios de Medio Ambiente e de Agricultura, Virginijus Sinkevicius e Janusz Wojciechowski, respectivamente, lembraron nunha carta aos Estados membro as medidas posíbeis no marco actual de xestión do lobo.

Os servizos comunitarios sinalan así que se trataría dunha revisión para completar as medidas actuais, que inclúen accións "que demostraron ser efectivas na prevención ou redución significativa" do risco "cando se aplican correctamente" e se axustan ás circunstancias concretas de cada caso. O marco actual tamén prevé fondos comunitarios para esta xestión.

Desde o Estado español, os gobernos de Galicia, Cantabria, Castela e León e Asturias dirixíronse en distintas ocasións a Bruxelas para reclamar que se revise a xestión do lobo como especie en protección especial dado que é unha especie en "expansión constante" nestes territorios.

Con todo, o Goberno español aliñouse con outros once Estados da UE a comezos deste ano para pedir nunha carta ao Executivo comunitario garantir a protección do lobo fronte a unha resolución do Parlamento Europeo na cal se reclamou cambiar o status de protección de lobos e osos para protexer o gando dos ataques destes animais.