Bruxelas sitúa Galiza á cabeza da taxa de dependencia

Mapa da taxa de dependencia en 2050 (% de maiores de 65 anos por cada persoa de entre 20 e 64).
 Unión Europea fai contas e advirte: en 2050 a Galiza vai estar na cabeza das rexións europeas en canto á ratio de persoas en idade laboral por cidadáns que están xubilados. Case un traballador por pensionista; mentres que a media da Unión Europea, nesa altura, será de dous cotizantes por xubilado.

O envellecemento da poboación acelerouse en Europa nos últimos 20 anos, de modo que cada vez hai unha proporción maior de persoas xubiladas respecto á poboación activa, especialmente en estados como o español, Italia, Grecia, Portugal, Francia, Finlandia e Alemaña, segundo as cifras sobre a taxa de dependencia de Eurostat, a oficina estatística europea. Esa taxa de dependencia, que mide a proporción de cotizantes por cada pensionista, aumentou nestas dúas décadas na UE, ao pasar de 25,9% como media comunitaria en 2001 —é dicir, había algo menos de catro persoas en idade de traballar por unha de 65 anos ou máis— até 34,8% en 2021. 

Os datos de Eurostat proxectan que as taxas de dependencia da vellez aumentarán en 2050 nas 1.169 eurorrexións provinciais da UE agás en Harz (Alemaña). Desas 1.169 eurorrexións, as catro galegas estarán en 30 anos entre as 50 con maior taxa de dependencia. A previsión que Eurostat estima é que a proporción de persoas empregadas por xubiladas estea nunha media de 56,7% a nivel europeo, o que supón menos de dous adultos en idade laboral por cada pensionista.

Empeoramento

Mais na Galiza o panorama é moito peor que o da media da Unión Europea: 30 puntos por riba, 88%, o que implica que daquela no país haberá case unha persoa en idade de traballar por cada persoa xubilada. En 2021 esa taxa na Galiza era de 47%, 40 puntos por baixo da que en Bruxelas calculan que imos ter en 2050.

A proxección Eurostat faise por provincias, e aí as de Ourense e Lugo son as que saen peor paradas. Lugo figura no número 19 entre as 1.169 eurorexións provinciais da UE en canto a taxa de dependencia. A seguir figura Ourense —posto 20—; mentres que Pontevedra figura de 34 e A Coruña de 47.

Emigración e baixa taxa de natalidade van de mans dadas á hora de ter unha sociedade avellentada, cos retos que a mesma formula.

Tendencia

Na mesma liña que as proxeccións de Eurostat, as que elabora o Instituto Galego de Estatística (IGE) tamén apuntan a esa tendencia agravada cara ao avellentamento. As estimacións do IGE para 2037 presentan un escenario pouco optimista no que haberá 251 maiores de 65 por cada 100 mozos e mozas, isto é, máis do dobre. A poboación galega de máis de 65 anos representará até un terzo do total (32,4%) en 2037, o que supón seis puntos máis que na actualidade (26,1%). Mentres no conxunto do Estado español hai 100 persoas de máis de 65 anos por cada 100 menores de 20 anos, esa cifra elévase a 167,3 na Galiza, mais a proxección para dentro de 14 anos alcanza 251 maiores por cada 100 mozos e mozas. A Galiza é actualmente a segunda autonomía do conxunto do Estado español máis avellentada, con 8,8% da poboación, maior de 80 anos segundo o Observatorio social das persoas maiores.