As mulleres no deporte, 'buenorras' sen nome ou WAGS

Reportaxes e informacións xornalísticas anulan as mulleres deportistas que son presentadas como 'olimpicamente atractivas' cando non sen identidade. 

Ao fío dos Xogos Olímpicos a imprensa deportiva, e xeralista, foca a ollada na elite do deporte internacional que se reúne no Brasil. Para alén da seriedade informativa coa que se aborda o deporte masculino, nas páxinas --en papel e dixitais-- aparecen novas dedicadas ás mulleres deportistas. Porén, lonxe de centrar a atención nos seus logros profesionais fano nos seus corpos. 

Tenistas, corredoras, futbolistas, de grande prestixio profesional e importantes logros deportivos que ficaron reducidas a un anaco de carne por El Mundo

O diario El Mundo publicou na terza feira unha galería de imaxes intitulada 'La lista de buenorras internacionales en los Juegos Olímpicos de Río', unha información asinada polo xornalista Jesús del Río. As críticas colleitadas nas redes sociais obrigaron o xornal a modificar o titular que substituíu 'buenorras' por 'atletas olimpicamente atractivas' nuns Xogos, advertía o redactor, que "veñen fortes en sexappeal". 

Tenistas, corredoras, futbolistas, de grande prestixio profesional e importantes logros deportivos mais que ficaron reducidas a un anaco de carne para deleite do público. 

Vanitis, a sección rosa de El Confidencial publicaba días atrás unha listaxe semellante cos '23 deportistas más sexis'. Nesta ocasión, mesturaban perfís masculinos e femininos. '¡A disfrutar!', instaban para abrir o "exclusivo" ranking. 

WAGS, mulleres de

Para alén disto, algunhas mulleres deportistas son tamén compañeiras de homes de igual profesión "aunque parezca extraño" segundo Marca. Son as definidas como WAGS (Wifes and Girlfriends / Donas e mozas). Este termo, acuñado pola imprensa inglesa úsase para designar "a las atractivas novias o mujeres de", segundo ABC. Victoria Beckham, Shakira ou Irina Shayk son algunhas das máis famosas. Após as súas relacións, a imprensa decidiu silenciar que todas elas labraran exitosas carreiras profesionais á marxe dos seus compañeiros para pasar a ocupar "un puesto de honor entre las WAGS". 

Outras son Daniela Ospina, Mirka Vavreknic, Gisela Dulko, Federica Pellegrini, Digna Murillo ou Anna Lewandowska. Deseguro que non lles soan os seus nomes embora ser profesionais do voleiball, o tenis, a natación e o karate. A elas dedicou Marca unha outra listaxe pois 'además de WAGS, son fervientes deportistas'. 

Un estudo do Goberno basco advirte da crecente mercantilización dos corpos das deportistas e a súa hipersexualización para incrementar a súa presenza nos medios

O Marca vai alén diso e decidiu no marco da Eurocopa de Franza dar a posibilidade ao seu leitorado para elixir a "WAGS por excelencia" entre o "11 titular de WAGS". Unha listaxe de 'mulleres de' das que a única referencia é a persoa ás que están ligadas acompañadas por imaxes delas en roupa interior. Outras publicacións como Hola! directamente optaron por rivalizalas en tanto que 'chicas del fútbol'. Ningunha delas é futbolista, de facto, pouco máis nos din delas alén de ser nais e acompañar os seus HUBS (Husbands and Boyfriends) aos estadios. 

Sen nome

O tratamento informativo do deporte feminino alcanzou o seu cumio en Playfutbol de Infobae recentemente ao fío do nome das persoas que optan, segundo a UEFA, a mellor tanto da temporada. O titular 'Messi, Higuain y una mujer candidatos al mejor gol del año'. A muller é --como posteriormente e por mor das críticas incluíron no titular-- Camille Abily, centrocampista do Olympique Lyonnais, autora dun gol de chilena no encontro contra Slavia Praga en marzo deste ano. Descoñecemos o seu estado civil, alén de cansa. 

Non son capa da imprensa cando gañan títulos, como lembraba a nadadora catalá Mireia Belmonte, 36 veces medallista e récord do mundo. 'Importa máis o cabelo de Sergio Ramos que o meu récord'

Mercantilización dos corpos e hipersexualización

Neste senso, un estudo realizado polo Goberno Vasco e intitulado 'Presenza e tratamento informativo do deporte feminino  na imprensa xeralista vasca e en xornais de información deportiva' sinala que a cobertura mediática non é acaída polo xeral para alén de selectiva sendo que "non reflicte nen a cantidade nen a calidade do deporte practicado por mulleres". Aliás, advirte da crecente mercantilización dos corpos das deportistas e a súa hipersexualización para incrementar a súa presenza nos medios anulando os resultados e logros conseguidos nas súas correspondentes disciplinas. 

Exemplo das conclusións do estudo foron as xogadoras do Atletic de Bilbao. Sendo líderes da Liga tiveron que desconvocar unha rolda de imprensa ao non acudir ningún medio. Finalmente gañaron o título e, malia todo, foron recibidas por unha multitude, algo inusual para o deporte feminino.