O buque 'Artic Sunrise' de Greenpeace poderá visitarse en Vilagarcía de Arousa en xuño

O buque Arctic Sunrise de Green Peace.
A escala servirá para dar a coñecer o traballo de Greenpeace e as misións que realiza en todo o mundo, para o que se organizarán visitas guiadas ao barco co que a organización opera desde 1996

O buque de Greenpeace Artic Sunrise poderá visitarse o vindeiro mes de xuño no porto de Vilagarcía de Arousa no marco da súa campaña de protección dos océanos e en defensa da pesca artesanal e sostíbel.

O obxectivo, sinalan nun comunicado, é repetir o éxito acadado en 2019 cando o Rainbow Warrior fixo escala no citado porto.

Segundo explican, os responsábeis da organización activista mantiveron unha reunión coa tenente de alcalde, Tania García, para planificar as posíbeis iniciativas a levar a cabo como complemento ás visitas guiadas ao barco. 

 

En representación de Greenpeace, participaron no encontro Manoel Santos, coordinador de Greenpeace Galiza; Marta Martín-Borregón, responsábel da campaña Océanos e Pesca; e Mariló Ramos, coordinadora de voluntariado da delegación da ONG en Arousa.

Ademais de abordar este tema, a escala servirá para dar a coñecer o traballo de Greenpeace e as misións que realiza en todo o mundo, para o que se organizarán visitas guiadas ao barco co que a organización opera desde 1996.

Aínda que aínda non se concretaron as datas e a duración da escala, a previsión é que o atraque se realice durante a segunda quincena de xuño.