Caballero nega sobrecustes no ascensor Halo a pesar de custar máis do dobre do anunciado

Abel Caballero (no centro) durante unha visita ao Halo (Foto: Concello de Vigo).
O rexedor asegurou que, na súa primeira fin de semana en servizo, o Halo e o seu miradoiro acolleu a 25.000 persoas e explicou que haberá un acto de inauguración, aínda que sen concretar data, porque "hai que facerlle a honra que merece".

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, realizou esta terza feira unha visita ao ascensor Halo, en funcionamento desde a pasada sexta feira, e negou o sobrecuste neste proxecto, a pesar de que se anunciou por 7,2 millóns de euros e acabou custando 15,8 millóns.

O rexedor asegurou que, na súa primeira fin de semana en servizo, o Halo e o seu miradoiro acolleu a 25.000 persoas e explicou que haberá un acto de inauguración, aínda que sen concretar data, porque "hai que facerlle a honra que merece". "É excepcional, non coñezo outro ascensor público en Europa destas características", proclamou, e confirmou que, neses primeiros días de servizo, o elevador funcionou "marabillosamente ben", sen incidentes nin avarías.

Caballero confirmou tamén que, ao longo do presente mandato, completarase a vertebración da zona coa posta en marcha das ramplas mecánicas de Escultor Gregorio Fernández e coa instalación de ramplas desde García Barbón ao ascensor. Ademais, insistiu en que haberá tamén unha conexión mecánica entre Praza de América e a Praza dos Cabalos.

"Non houbo sobrecuste"

Cuestionado polo sobrecuste do Halo, o alcalde limitouse a sentenciar que "non houbo ningún sobrecuste", a pesar de que o custo total da instalación se achegou aos 16 millóns de euros. Así, en xuño de 2021, unha vez elixido o estudo de arquitectura e o deseño do elevador, o propio Caballero referíase ao proxecto como "unha das grandes obras" na historia da cidade, cun orzamento estimado de 7,2 millóns de euros.

Esa estimación quedou curta e a obra foi licitada en abril de 2022 por 12,6 millóns, coa achega de 6 millóns de euros por parte do Goberno, procedentes de Fondos Europeos. Nese momento, o goberno xustificou o incremento polo propio deseño do proxecto e polo prezo das materias primas. A mediados de 2023 aprobouse unha modificación do proxecto para incluír unha serie de melloras, e o orzamento elevouse até os 15,8 millóns de euros.