Unha escolma do papel

Cabos submarinos: a arañeira que tece a Internet

Gráfico dun barco cableiro.

99% do tráfico intercontinental de voz e datos circula baixo as augas.

Non a vemos, mais baixo as augas que enchen os océanos e mares arredor da Terra agóchase unha extensa rede de cabos que chega até os lugares máis recónditos do planeta. Falamos dos cabos submarinos, pezas chave para o correcto funcionamento das nosas comunicacións, xa que a través deles circula 99% do tráfico intercontinental de voz e datos.

 

A instalación do primeiro cabo submarino produciuse moito antes do nacemento da Internet, o 29 de agosto de 1850. Estaba deseñado para transmitir comunicacións telegráficas unindo ambos lados da Canle da Mancha, entre as localidades de Dover e Calais. Porén, para falarmos do primeiro cabo transatlántico habería que agardar á década seguinte, cando se conectaron Irlanda e Terranova, o que permitía recibir en minutos as mensaxes que até aquel momento demoraban até 10 días en ser transmitidas. Desde aquel momento a rede de cabos subacuáticos medraría rapidamente, en grande medida impulsados polo Reino Unido, que tiña especial interese en conectar a illa coas súas colonias, algunhas tan afastadas como Australia ou a India.

 

En marcha un proxecto para multiplicar a capacidade da "conexión do Pacífico" entre os EUA e China

 

Hoxe en día existen perto dun millón de quilómetros de cabos baixo os nosos mares que interconectan continentes e países. Estas conexións fanse sempre por varios puntos, evitando un colapso global no caso de que se produza un corte ou avaría nun deles.

 

A instalación dun cabo submarino é altamente custosa, podendo acadar varios centos de millóns de euros, polo que é preciso realizar numerosos estudos previos que avalíen o xeito de a facer eficientemente. A necesidade de soterrar os cabos a profundidades que varían entre os 600 e os 1.000 metros obriga, ademais, a empregar robots capaces de funcionar en condicións extremas; coordinándose estes traballos desde uns barcos denominados cableiros, encargados da instalación e das tarefas de mantemento das rede subacuáticas. Global Marine é unha das compañías máis destacadas entre as poucas que realizan este tipo de funcións e, lonxe do que puidera parecer, só dispón de sete buques que operan principalmente nas augas dos océanos Atlántico, Pacífico e Índico.

 

Estes traballos de substitución de cabos submarinos son bastante frecuentes, pois teñen unha vida útil de arredor de só 25 anos, tras os cales adoitan seren mudados por outros con tecnoloxías máis actuais, hoxe en día fibras ópticas. Malia todo, non sempre son retirados, deixándose algúns na auga para realizar diversos experimentos científicos, en colaboración coas universidades, sobre materiais, condución eléctrica ou mesmo para medir a variación e evolución das correntes mariñas.

 

150 INCIDENTES AO ANO

 

O outro maior motivo de substitución son os incidentes producidos por cortes. Na actualidade prodúcense uns 150 ao ano, a meirande parte deles causados polas áncoras dos grandes barcos ou os movementos de placas tectónicas, aínda que as roturas por acción animal (bancos de peixes ou trabadas de tiburóns, que se senten atraídos polos campos magnéticos) son responsábeis dunha ducia de incidentes graves cada ano. De feito, xa o primeiro cabo submarino, na Canle da Mancha, foi partido en dous polas redes dun pesqueiro francés ás poucas horas da súa estrea.

 

Porén, e malia a súa importancia (pensemos que un corte importante pode deixar as comunicacións de millóns de persoas altamente degradadas), os actuais cabos de fibra óptica submarinos non adoitan ser branco de sabotaxes, aínda que cando se empregaba o cobre si sufrían algún roubo puntual. Así, apenas existe lexislación que protexa estras infraestruturas estratéxicas; só Australia e Nova Zelanda establecen cuantiosas sancións aos barcos que danen estes cabos.

 

Hai apenas un par de semanas vén de se pór en marcha o último gran proxecto de expansión da rede de cabos submarinos. Trátase de multiplicar a capacidade da chamada ‘conexión do Pacífico’, entre a China e os Estados Unidos, pasando por Xapón, a ruta que máis tráfico condensa, de tal xeito que cando estea rematada poderá transmitir a unha velocidade de 60 terabits por segundo.

 

Quen queira coñecer máis sobre esta importante e descoñecida rede de cabos pode acceder á web de TeleGeography, onde poderá observar a súa distribución e a situación das principais estacións terrestres o que, por certo, axuda a entender certos conflítos políticos por territorios que a priori poderían resultar irrelevantes.

 

Esta reportaxe apareceu no Sermos Galiza nº111, publicado a 28 de agosto de 2014.