Cada ano diagnostícanse na Galiza perto de 200 casos de cancro de ovario

Intervención cirúrxica en Xinecoloxía, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
Esta cuarta feira, 8 de maio, conmemórase o Día Mundial do Cancro de Ovario, unha doenza obxecto de numerosos estudos científicos a nivel internacional pola súa baixa taxa de supervivencia, arredor do 40%, segundo a Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM). 

Noutros tumores xinecolóxicos como o de mama, esta taxa é do 85,5%. De feito o cancro de ovario, pola súa diagnose tardía e a ausencia de técnicas efectivas de detección precoz, é, segundo a SEOM, a cuarta causa de morte por cancro nas mulleres, logo dos de pulmón, mama e colon. Os últimos datos do Rexistro Galego de Tumores (Regat), presentados en outubro de 2023 con diagnoses de 2022, certifican que o número de casos desta enfermidade na Galiza foi de 190, dos que perto dun 92% foron diagnosticados entre galegas de máis de 45 anos.

Este informe do Regat, facilitado a Nós Diario pola Consellaría de Sanidade, reflicte ademais que a área sanitaria da Coruña foi a que rexistrou o 25,8% de todos os casos da Galiza (un total de 49). No caso da área sanitaria de Vigo foron un total de 38 casos (o 20% do total galego); na de Lugo detectáronse 29 casos; 22 nas áreas sanitarias de Pontevedra e Compostela; 18 casos de cancro de ovario na área sanitaria de Ferrol, mentres que a de menos incidencia foi a área sanitaria de Ourense, con 12 casos (o 6,3% da Galiza).

O número de defuncións por estes cancros ascenderon no ano 2022 a 127, das cales o 98% tiñan máis de 45 anos. Esta idade no diagnóstico do cancro de ovario, segundo os datos da SEOM, é a máis habitual, na maioría dos casos coincidindo coa menopausa. Con todo, esta entidade cifra a media de idade de detección de cancro de ovario no Estado español en 63 anos.

Sen diagnose precoz

O problema no diagnóstico deste cancro, segundo os expertos da área de Oncoloxía Xinecolóxica, é que os seus síntomas aparecen durante meses camuflados por afeccións gastrointestinais frecuentes, que para a maioría das doentes e para moitos especialistas pasan desapercibidos ou confundidos con outro tipo de enfermidades. Estes síntomas que dilatan no tempo a diagnose dun posíbel cancro de ovario son a distensión abdominal progresiva, unha sensación persistente de saciedade logo das comidas (mesmo comendo pouco), molestias pélvicas e abdominais, tamén ao ouriñar ou coas deposicións, e sangrados vaxinais inadecuados.

Xa que a maioría destes cancros se dan en mulleres que sofren menopausa, o que deberían ser alertas para acudir ao especialista finalmente levan a unha consulta logo de transcorridos varios meses e mesmo anos cos síntomas, co que a posíbel extensión e estadio destes tumores ao ser detectados supera o estadio III, onde a quimioterapia e a cirurxía se postulan como únicos tratamentos. Por este motivo, os profesionais sanitarios recomendan consultar sempre as e os especialistas ante calquera destes síntomas, ademais de facer sempre as revisións xinecolóxicas periódicas.

Factores de risco

A comunidade médica e científica coincide en sinalar que non existe unha causa coñecida deste cancro de ovario. En todo caso, certos factores aumentan o risco de padecer este cancro xinecolóxico: a idade, os antecedentes familiares de cancro de mama, ovario ou útero, non ter descendencia, mulleres que tiveron moi cedo no tempo a primeira menstruación e con menopausas “tardías”, tomar anticonceptivos orais, e outros xenéricos como a obesidade, o sedentarismo ou o consumo de tabaco.

Hai distintos cancros de ovario. Entre o 85 e o 90% dos casos diagnosticados son tumores epiteliais, mentres que os de células xerminais e os de estroma son menos frecuentes. O feito de que os síntomas deste cancro de ovario non xeren alarma nas doentes na maioría dos casos acostuma provocar a súa extensión ao peritoneo, co que pasado un tempo o prognóstico das mulleres con estes tumores dependerá do estadio no que se faga a diagnose. De aí que a súa taxa de mortalidade sexa tan elevada e que a taxa de supervivencia, segundo os datos da SEOM, case non teña mellorado nos últimos 50 anos.

Entre o 70 e o 80% das pacientes diagnosticadas de cancro de ovario están xa en fases avanzadas da enfermidade, o que suma á taxa de mortalidade, ao que se engade o elevado risco de recaída nos tres anos seguintes ao diagnóstico.