Cada PAC terá que ter unha farmacia de garda a menos de 15 km de distancia

Farmaceuticas (Foto: Arxina).
O novo decreto de horarios para as farmacias publicado polo Diario Oficial da Galiza (DOG) estabelece un mínimo de 38,5 horas semanais na venda de medicinas. Tamén recolle o número de profesionais que se precisan para levar a cabo a atención ao público nestes estabelecementos.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta sexta feira o novo decreto de horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia na Galiza, un decreto que entra en vigor o 9 de febreiro e no que tamén se recolle o número de profesionais que se precisan para levar a cabo a atención ao público nestes estabelecementos.

Ademais, marca que polo menos unha farmacia debe prestar servizo de garda para garantir o acceso ás persoas usuarias que coincidan xeograficamente co emprazamento dos Puntos de Atención Continuada (PAC).

En todo caso, as farmacias da quenda de garda de cada área de referencia deben estar emprazadas a menos de 15 quilómetros ou menos de 15 minutos dese centro sanitario.

Con respecto aos horarios, estabelécese unha xornada mínima de atención ao público de 38,5 horas semanais, con xornadas diarias dun mínimo de 7 horas de segundas a sextas feiras. Os sábados, o documento recolle que, de modo xeral, o horario mínimo obrigatorio será de tres horas e media.

As oficinas de farmacia tamén poderán optar por abrir máis aló destes horarios mínimos, ampliando a súa atención até as 13 horas e media ao día (de 8.30 até 22.30 horas) ou cun horario continuado de 24 horas todos os días do ano.

En relación ao persoal, fíxase a obriga de polo menos un titular en locais con apertura ao público de até 52,5 horas; as farmacias con apertura entre 52,5 e 92,5 horas deberán contar tamén con,  polo menos, un adxunto; e se a xornada é de 92,5 até 132,5 horas, deberán ser dous adxuntos.

As farmacias con máis horas de apertura deberán dispor de, polo menos, tres adxuntos.