Atopan o cadáver dunha muller nun 'narcopiso' de Santiago

Bloque de vivendas do barrio de Fontiñas no que se atopou o cadáver. (Foto: Google)
Veciñanza da rúa Berlín, no barrio compostelán de Fontiñas, alertara do "forte cheiro" que emanaba da vivenda.

Axentes da Policía Nacional atoparon a última hora desta cuarta feira o corpo sen vida dunha muller nunha vivenda situada na rúa Berlín do barrio compostelán de Fontiñas, logo de que algúns veciños e veciñas alertasen do "forte cheiro" que emanaba de dentro. A Policía Xudicial investiga nestes momentos as causas do falecemento, á espera dos resultados da autopsia.

A vítima responde ás siglas J. V. L. e tiña 36 anos de idade. O seu domicilio sería un 'narcopiso', no portal 9 da rúa Berlín. O amplo dispositivo policial despregado durante a tarde-noite non pasou desapercibido para as e os residentes de Fontiñas.