Volve o caderno 'Máis' coa información máis fresca do verán

O Festival Folk do Carboeiro en Oroso (comarca de Ordes) ou o Encontro de Artesanía Tradicional e Popular da Galiza en Agolada (Deza) son algúns dos eventos con espazo no 'Máis!'. (Foto: Nós Diario)
O suplemento acompañará as páxinas de 'Nós Diario' durante os meses de xullo e agosto.

Un ano máis, co verán, o sol, a calor, a praia, as festas... volve con Nós Diario o caderno Máis, un suplemento cos contidos máis frescos e enfocados ao lecer. A partir da terza feira 2 de xullo e até o último sábado de agosto, Nós Diario incluirá oito páxinas cos mellores eventos e contidos para amenizar este verán.

A capa do Máis estará protagonizada polos principais festivais e festas populares e tradicionais, a comezar coa festa do viño da Ribeira Sacra que decorrerá en Monforte (Terra de Lemos) do 5 ao 6 de xullo. O Festival Folk do Carboeiro en Oroso (comarca de Ordes), o Encontro de Artesanía Tradicional e Popular da Galiza en Agolada (Deza) ou o Festival do río do Castro de Narahío en San Sadurniño (Ferrolterra) son algúns dos eventos con espazo no Máis.

As páxinas centrais do caderno afondarán en propostas como a Mostra de Teatro de Cangas (O Morrazo), o Asalto ao Castelo de Vimianzo (Terra de Soneira), o patrimonio e a historia de Betanzos (As Mariñas) ou as mellores recomendacións editoriais para ler este verán. 

Non faltará no Máis unha das seccións que espertan máis interese por parte das persoas lectoras, os pasatempos de Xoán Costa e Xerardo R. Roca, con novas probas para adestrar o cerebro no mundo da lóxica. E tamén incluirá a Axenda, cos eventos que decorrerán este verán ao longo do país.

Relatos por entregas

Seguindo a estela da edición de 2023, a contracapa deste suplemento estival incluirá unha serie de nove relatos de verán por entregas que, nesta ocasión, corren da man de Rochi Nóvoa Vázquez, Alberto G. Aneiros, Paula Carballeira, Bieito Iglesias, Antía Yáñez, Francisco Fernández Naval, Concha Blanco, Elena Gallego e Leandro Lamas.