Caderno 'Máis'

Volve o caderno 'Máis' para gozar do verán con 'Nós Diario'

Detalles do primeiro número do caderno 'Máis', que desde este sábado, 1 de xullo, e até o 1 de setembro acompañará o xornal cada día.
Entre o 1 de xullo e o 2 de setembro o xornal incluirá entre as súas páxinas o caderno 'Máis'. Festivais, festas populares, roteiros, praias, pasatempos, relatos de autoras e autores de máxima relevancia na Galiza... e moito Máis!

Chega o verán, o sol, a calor, a praia, a troula... e, como non podía ser doutra forma, o caderno Máis! A partir deste sábado, 1 de xullo, e até o 2 de setembro, cada día o xornal Nós Diario incluirá entre as súas páxinas este suplemento con contidos máis frescos e enfocados ao lecer. Os principais festivais de música, festas populares e outros eventos non faltarán entre as recomendacións do Máis, que tamén achegará información meteorolóxica diaria, todo sobre as nosas praias e roteiros polos mellores lugares naturais para afastarse das rutinas do día a día.

Festas populares e tradicionais, festivais de música ou eventos de vangarda na Galiza protagonizarán a capa do Máis, a comezar, este sábado, presentándonos o popular Asalto ao Castelo de Vimianzo (Terra de Soneira), onde desde hai máis de dúas décadas a Revolta Irmandiña volve pular con forza. O Festival de Ortigueira, a Feira Franca de Betanzos, a Rapa das Bestas de Sabucedo ou as diferentes festas dedicadas ao viño serán outros dos eventos, entre moitos, que achegará o Máis nas vindeiras datas.

De seguido, o recoñecido fotógrafo Xan G. Muras achegará cada día, a través da sección 'Un bosque no mar', a fotografía, características técnicas e datos históricos dunha embarcación tradicional da Galiza. "O mundo das embarcacións tradicionais está xunguido aos valores de protección do medio natural, ao convívio, ao lecer, á cultura e ao goce da xente grande e da cativada. Un mundo para quen ama o mar, un mundo para soñar", salienta o autor.

E a terceira páxina achegará en cada entrega un petisco do noso patrimonio con recomendacións, historia e roteiros, en función do día. Así, todas as terzas feiras presentarase un mosteiro; as cuartas, antas; as quintas, cruceiros; as sextas, pontes, e os sábados, faros. E o das illas Cíes, na ría de Vigo, será o que dea mañá o disparo de saída a esta sección. A vindeira semana seguirano o mosteiro de Sobrado, as antas da Baixa Limia, os cruceiros de Noia, a Ponte Sampaio e os faros da Mariña.

A través das páxinas centrais o caderno Máis mergúllase no verán afondando en cuestións que van desde a celebración de festas que beben da historia e tradición popular como a Festa Guímara da Pobra do Brollón ás estrelas que mellor podemos observar nos días de verán até "o movemento nudista" na Galiza, os seus inicios a hoxe.

As páxinas 6 e 7 recollerán os pasatempos de Xoán Costa e Xerardo R. Roca, que veñen cun novo formato e novas probas para adestrar o cerebro e mergullarnos no mundo da lóxica. Os eventos de Axenda que cada día decorrerán no país presentaranse en diferentes espazos ao longo do caderno Máis, acompañando o resto de informacións.

Finalmente, a contracapa incluirá unha serie de nove relatos por entregas escritos por unha selección de autoras e autores que abalan entre o clásico e o experimental. Cada semana publicarase un relato por entregas —de terza feira a sábado— de nove autoras e autores que reflicten formas diversas de entender a escrita, pero que se internan neste xénero para transmitir os seus universos creativos: Diego Ameixeiras, Beatriz Maceda, Antón Cortizas, Ana Cabaleiro, María Canosa, Henrique Rabuñal, Eva Mejuto, Xosé de Cea e María Rei Vilas.

O xornal, contigo

Lembra que Nós Diario pode acompañarte durante o verán. Podes contactar co servizo de atención á subscrición, de 10 a 14 horas e de segunda a sexta feira, para solicitar o cambio de enderezo de entrega durante os días que marches de vacacións. Chama ao teléfono 881 95 95 97 ou ben escribe ao correo electrónico subscricion@nosdiario.gal.