Calcetíns desparellos tamén durante a reclusión

O 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da Síndrome de Down.
A Fundación Down Compostela anima a conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down vestindo calcetíns de diferentes cores e compartindo ese testemuño nas redes sociais cos cancelos #TanDiferentesComoIguais #CalcetínsDesparellos.

Na véspera do Día Mundial da Síndrome de Down, 21 de marzo, unha data sinalada co ánimo de xerar unha maior conciencia social e recoñecer a valía das persoas con síndrome de Down, a Fundación Down Compostela convida a toda a cidadanía a conmemorar a xornada participando na campaña virtual Calcetíns desparellos.

Nestes días de encerro por mor do estado de alerta declarado ante a crise do coronavirus, a iniciativa que noutras edicións alentou a xente a saír á rúa con calcetíns de diferentes cores ou estampados para resaltar a diversidade que existe na sociedade e reclamar a igualdade de oportunidades para todas as persoas, propón atender a invitación sen se mover da casa.

Campaña virtual

A campaña vaise desenvolver a través das redes sociais “e pódese converter nunha actividade na que participen todos os membros da familia”, sinala o presidente da Fundación, Juan Martínez. “Trátase de buscar nos caixóns calcetíns de diferentes cores, poñelos, sacar unha foto e compartila nas redes sociais”, anima, utilizando os cancelos #TanDiferentesComoIguais #CalcetínsDesparellos e #DíaMundialSíndromeDown”.

“Non é preciso que se vexa a cara, abonda con que na imaxe aparezan os pés e un anaco da perna”, explica na web da Fundación. Ese xesto, advirte, servirá para darnos conta de que, malia a disparidade, “son tan diferentes como iguais, como ocorre coas persoas que formamos parte dunha sociedade tan diversa como a nosa”, engade Juan Martínez.

"Desde a casa podemos contribuír e seguir loitando por unha sociedade máis inclusiva".

O presidente de Down Compostela recorda a importancia de respectar as recomendacións das autoridades sanitarias nestes días, porque “desde a casa podemos contribuír e seguir loitando por unha sociedade máis inclusiva”.

A iniciativa conta co apoio dos cocellos de Santiago de Compostela, Ames, Teo, Frades, Negreira e Trazo; ademais dun vídeo gravado hai varias semanas por familiares, profesionais e usuarias da Fundación Down Compostela para animarnos a todas a participar na campaña Calcetíns Desparellos.