Cales son os cemiterios máis bonitos e senlleiros da Galiza?

Sepultura de John O'Dogherty no cemiterio dos Eidos, en Redondela. (Foto: Nós Diario)
O país conta cunha tradición moi vencellada coa morte.

A revista Adiós Cultural premiou a comezos de outubro o cemiterio dos Eidos, no concello de Redondela, como o máis bonito da Galiza e do Estado español. Fíxoo despois de enfrontar nunha votación popular o camposanto galego cos de outras autonomías.

Os Eidos, que pugna por acceder ao listado de cemiterios senlleiros de Europa, fois construído en 1833, aínda que a sepultura máis antiga da que se ten constancia data de 1860.

A súa última rehabilitación data de 2020. Porén, o último enterro neste cemiterio, con capacidade para 724 corpos repartidos en 147 parcelas, decorreu en 1988. Desde aquel ano atópase completo, polo que o seu principal valor hoxe en día, máis alá das familias con seres queridos no seu interior, é o arquitectónico e escultórico.

Do total de sepulturas, 126 atópanse no solo. Mais o que caracteriza este camposantos é o gran número de mausoleos e panteóns que posúe, na maioría do século XIX. Entre os seus residentes máis ilustres, destaca John O’Dogherty, un dos heroes da batalla de Pontesampaio (Pontevedra).

Outros cemiterios galegos

Na Galiza, cunha ampla tradición vencellada coa morte, son varios os cemiterios e camposantos destacábeis, tanto a nivel arquitectónico como simbólico. É o caso do Cemiterio dos Ingleses (Camariñas), en plena Costa da Morte, onde descansan os restos dos 172 mariñeiros falecidos no naufraxio do HMS Serpent en 1890.

Outro dos cemiterios galegos con relevancia internacional é o de San Amaro, na Coruña, que desde 2013 forma parte da Ruta de Cemiterios Europeos. Tamén foi recoñecido pola revista National Geographic en 2020. É un dos máis antigos da Galiza e do Estado español. O poeta e autor da letra do Himno Galego Eduardo Pondal conta cunha sepultura nel, ao igual que Curros Enríquez, Manuel Murguía e cinco dos fillos que tivo con Rosalía de Castro.

Máis ao sur, en Cambados, o camposanto que se atopa entre as ruínas de Santa Mariña do Dozo foi cualificado polo escritor Álvaro Cunqueiro como “o cemiterio máis melancólico do mundo”. Tanto o cemiterio como os restos da capela forman un conxunto arquitectónico moi valorado polas persoas amantes do turismo cultural.

Pola súa parte, na cidade de Lugo atópase o cemiterio de San Froilán, premiado en 2015 como o camposanto con mellores monumentos funerarios do Estado español. No seu interior pódense ver diferentes estilos escultóricos e arquitectónicos, encabezados polas pezas de arte neogótica presentes na entrada do cemiterio, obra do arquitecto lucense Nemesio Cobreros.