A inflación alcanza tamén os comedores escolares: alertan dunha baixada da cantidade e calidade dos menús

Un comedor escolar, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
Anpas de Lugo reciben queixas de diferentes centros escolares pola "cantidade" de comida que se serve, mentres a CIG apunta a unha "baixada da calidade".

As asociacións de nais e pais (ANPAs) de Lugo están a recibir múltiples queixas de colexios pola cantidade e calidade de comida que chega aos comedores escolares debido aos efectos da inflación, polo que solicitan que a suba de prezos non repercuta no servizo.

A presidenta da Federación de Pais e Nais de Lugo (Fapacel), Isabel Calvete, constatou esta quinta feira que "algunha queixa sempre chega, pero está claro que a suba de prezos afecta a todos". Así, urxe á Consellaría de Educación a destinar "máis diñeiro" aos comedores escolares.

"O que non podemos permitir é que, por unha suba imparábel dos prezos como sucede, repercuta na alimentación dos nenos. Se os prezos soben, a asignación aos comedores escolares terá que ser maior", apuntou Calvete.

A respecto da calidade dos menús, a presidenta das ANPAs de Lugo precisou que as queixas veñen dadas, maioritariamente, "pola cantidade". "Os menús da Xunta están controlados por nutricionistas e están ben elaborados. Si que chegou algunha queixa sobre a cantidade", subliñou.

Isabel Calvete insistiu en que "non se pode permitir" que a escalada dos prezos repercuta nas crianzas: "Hai que ter en conta que o colexio é unha parte da educación. O comedor é unha parte da educación e aos nenos hai que garantirlles unha alimentación sa e equilibrada", dixo.

A CIG alerta dunha "baixada da calidade"

As protestas de Fapacel chegan un día despois de que a CIG-Autonómica informase do envío dun escrito ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no que alerta da "baixada da calidade" dos menús e a "redución de produtos frescos" por mor da inflación.

A central sindical urxe a Consellaría "revisar e actualizar" o financiamento dos comedores escolares, pois hoxe, explicaron, o gasto é de "aproximadamente 2,30 euros por alumno e día", o que inclúe "produtos de alimentación e limpeza". As familias, porén, "están a pagar 5 euros, máis do dobre do que realmente se está a investir na alimentación dos seus fillos e fillas", lamentaron.

Desde a CIG incidiron tamén en que os menús das escolas "teñen que ir orientados cara unha alimentación de calidade, saudábel e sostíbel, adaptada ás necesidades nutricionais de cada grupo de idade", polo que "non se pode reducir a calidade dos alimentos".