A calor aumenta máis o risco de hospitalización na Galiza que en Andalucía ou zonas do Mediterráneo

Persoas camiñando pola cidade de Ourense durante a vaga de calor. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
As vagas de calor provocan un aumento de case 9% no risco de ingreso hospitalario na Galiza. Tamén 9% son as camas hospitalarias (780) que a Xunta da Galiza fechará este verán. A porcentaxe de risco de ingreso por calor na Galiza é superior, por exemplo, á que se produce en Andalucía por ese mesmo fenómeno (6,3%).

Cada vez máis vagas de calor e cada vez de temperaturas máis altas. O mundo científico leva tempo advertindo de que o incremento da temperatura non é algo puntual ou conxuntural e tamén na Galiza se deixan notar os efectos sobre diferentes cuestións. Unha delas é a que analiza un equipo de persoal investigador e científico do Instituto de Saúde Global (ISG) de Barcelona, que estudou 11 millóns de ingresos nos hospitais no Estado español —entre eles, os da Galiza— nestes últimos 14 anos: As vagas de calor provocan o aumento do risco de ingreso hospitalario.

No que atinxe á Galiza ese incremento das hospitalizacións é de perto de 9%. O estudo tamén contempla os resultados por provincias. Onde maior aumento se dá nos ingresos hospitalarios cando hai unha vaga de calor é na de Pontevedra, cunha suba de 9,6%. No outro extremo está Lugo, con 7,8%. Entre medias, Ourense, con 9,3% de aumento e A Coruña, con 7,9%. O traballo que vén de publicar o ISG recolle como esas altas temperaturas teñen maior impacto na Galiza á hora dos ingresos hospitalarios que en territorios como Andalucía, onde as hospitalizacións por ese motivo soben case 3 puntos menos: 6,3%; ou áreas do Mediterráneo como Tarragona (8,2%) ou provincias da meseta española, como Toledo, onde ese incremento é de menos de 7%.

Este estudo científico conclúe que as causas de hospitalización nas que a calor incide máis son os trastornos metabólicos e obesidade, a insuficiencia renal, a infección do tracto urinario e o envelenamento por drogas e tamén por outras substancias non medicinais.

A temperatura alta tivo “un impacto xeneralizado nas hospitalizacións por causas específicas", indica. Aínda que a calor aumentou o risco de hospitalización en todos os grupos de idade, as crianzas de menos de 1 ano e as persoas maiores de 85 anos foron os grupos máis vulnerábeis, con maior risco de ingreso hospitalario.

Perda de prazas

Así pois, as altas temperaturas incrementan o risco de hospitalización na Galiza en case 9%. A porcentaxe é, por certo, a mesma que a das camas hospitalarias que se van fechar este verán, 9%. Son 780 prazas hospitalarias que non van estar dispoñíbeis, 115 máis que as que fecharon en 2023.

O portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, apuntou a Nós Diario que “o feche de camas mantén os hospitais semiparalizados e así non hai forma de rematar coas listas de agarda”. Martín destacou que “o feche de camas incrementa as listas de espera, onde temos un tapón, polo que sería o verán a época do ano ideal para reducir as listas”.

O sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MOMO) do Instituto Carlos III recolle día a día todas as persoas falecidas no Estado, indicando as diversas causas da mortalidade. Entre o 1 de xaneiro e o 1 de xuño a temperatura estivo na causa do falecemento de 79 persoas na Galiza.