A calor volve abafar Galiza, con máximas de 37º en Leiro

A calor encheu as praias. (Foto: Europa Press)
Na primeira semana de agosto faleceron 31 persoas por motivos atribuíbeis ás altas temperaturas.

Boa parte da Galiza volveu onte estar baixo o dominio das altas temperaturas, con alerta amarela en concellos da comarca de Valdeorras e da conca de Ourense e máxima de 37 graos en leiro (O Ribeiro). Mais as previsións apuntan a que esta sexta e o sábado a calor vai ir a máis.

O bochorno, requeimón ou fogaxe volveu dominar esta quinta feira boa parte da Galiza e continuará durante dous días máis. A temperatura máxima esta quinta marcouse en Leiro, na comarca do Ribeiro, con 36.9 graos, seguida de Arnoia (tamén no Ribeiro), con 36.7 e de Verín, na comarca do mesmo nome, con 36. Pola contra, as mínimas estiveron en Calvos (comarca da Limia), con 9.4 graos.

As previsións de Meteogalicia para esta sexta feira e o sábado non convidan ao optimismo, pois apuntan a que vai facer aínda máis calor. A masa de aire cálido intensificarase nomeadamente este sábado, cos termómetros abeirando os 40ºC en Ourense e gran parte da Galiza por riba dos 30. En cidades como Vigo e Pontevedra espéranse 33°C e 34°C, respectivamente; e en Compostela os 35. Alerta amarela en áreas como as de Valdeorras, sur de Lugo ou interior da Coruña e toda a conca do Miño con alerta laranxa por temperaturas sufocantes.

O domingo, a chegada de aire frío nas capas altas provocará maior inestabilidade atmosférica. Espéranse néboas matinais en zonas do interior e néboas costeiras, seguidas de ceos despexados pola mañá. Pola tarde, crecerán nubes de evolución no interior, que poderían xerar chuvascos tormentosos.

Para ter a consideración de episodio ou ola de calor, aínda que as temperaturas sexan elevadas durante o día, analízanse tamén as temperaturas mínimas que se acadan á noite.  No caso en que as temperaturas diúrnas e nocturnas superen os limiares medios históricos dunha zona é cando se decreta o episodio de menor ou maior duración, segundo o caso. Polo tanto, as previsións actualízanse cada día segundo evolucionen as temperaturas.

Meteogalicia, organismo meteorolóxico dependente da Consellaría de Medio Ambiente, prognostica que a Galiza vivirá un mes de agosto seco e caloroso, após un xullo no que choveu e no que se rexistrou unha humidade algo superior á prevista

Falecidos

Entre 1 e 7 de agosto faleceron na Galiza 31 persoas como consecuencia das altas temperaturas. O día 1 foi no que máis persoas morreron por circunstancias atribuíbeis á calor (7). O sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MOMO) do Instituto Carlos III recolle día a día todas as persoas falecidas no Estado, indicando tamén as diversas causas da mortaldade.

No mes de xullo perderon a vida na Galiza por este motivo un total de 61persoas.