O cambio climático aumentará os efectos dos maremotos

Cascallos orixinados polo tsunami que arrasou Indonesia en decembro de 2004, provocando a morte de máis de 220.000 persoas. (Foto Boris Roessler dpa)
Fanse 19 anos do tsunami que provocou a morte de 220.000 persoas 

Hai case 20 anos, o 26 de decembro de 2004, acontecía en Sumatra o penúltimo gran tsunami que tivo lugar no planeta –despois do de Tōhoku, en Xapón, en 2011–, e un dos maiores desastres naturais rexistradas no decorrer do século XXI. 

Ás 7.58 horas –hora local– do 26 de decembro de 2004 un terremoto de magnitude 9,1 con epicentro no océano Índico xerou unha serie de ondas xigantes que alcanzaron as costas dos Estados que bordean dito océano. O terremoto de Sumatra-Andamán foi cualificado como un dos dez peores terremotos da historia, e o tsunami que orixinou, como o máis mortífero, provocando segundo cifras achegadas polo Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos de América, un total de 227.898 vítimas mortais. Con Indonesia, as illas Adaman e Nicobar e Sri Lanka como principais Estados afectados polo catastrofe natural.  

Non obstante, non hai que ir tan lonxe para atopar exemplos da destrución que poden chegar a provocar os terremotos con epicentro no océano. E é ben coñecido o caso de Lisboa pola destrución que provocou e pola pegada que deixou na poboación, incluso xeracións despois. O 1 de novembro de 1755, un gran terremoto de entre 8,7 e 9 de magnitude, sacudiu o interior do océano Atlántico, a tan só 300 km da costa lisboeta, provocando ondas de entre 6 e 20 metros e, en consecuencia, o falecemento de entre 60.000 e 100.000 persoas, das 275.000 que habitaban na capital lusa naquela altura. Alén disto, nas áreas non afectadas polo maremoto, os incendios propagáronse rapidamente e as lapas asolaron a cidade durante cinco días.

Mais, se un evento destas características afectou Portugal hai menos de 300 anos, podería acontecer unha catástrofe semellante na Galiza? "Aínda que falamos de Lisboa, (como grande urbe, moi poboada, foi a que acusou máis danos), o certo é que aquel tsunami tamén afectou a Galiza", responde a Nós Diario o catedrático emérito de Xeodinámica da Universidade da Coruña (UDC) Juan Ramón Vidal Romaní

Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático emérito da UDC. (Foto: Nós Diario)

Segundo explica o xeólogo a este xornal, un tsunami é un movemento sísmico provocado no fondo do mar que se traduce nunha onda na auga que hai por riba do epicentro. "Como se se inchase o solo e volvese caer", exemplifica. A vibración do fondo do océano fai que este se comporte como "unha membrana" que provoca unha oscilación vertical, que chega á parte superior do mar propagándose en todas as direccións "como as ondas que se crean nun charco de auga cando tiramos unha pedra".

Así chegaron á Galiza as ondas do coñecido como tsunami de Lisboa, e tamén a outros puntos bañados polo Atlántico, "aínda que de maneira máis atenuada", aclara Vidal.

E na Galiza?

As persoas expertas están pendentes dun "punto triplo de placas" que hai ao noroeste da península Ibérica, ao norte de Burela (A Mariña), e que representa un bordo de placas activo, que se está a mover. 

En conflito cos seus colegas de Oviedo e de Madrid, que afirman que a península está “moi lonxe” dun límite de placas –onde se orixinan as tensións que dan lugar aos sismos–, Vidal sinala un borde tectónico que está, pola contra, “moi perto” da Galiza: “temos todo o norte, o mar Cantábrico, desde os Pirineos até cabo Ortegal, que é un borde de placa converxente, aínda que non é demasiado activo, como poden ser no Atlas ou no Himalaia”. 

Pero é, en definitiva, di Vidal, “un borde de placa activo”. E neste estado, cando unha placa se mete por debaixo da outra (subduce), levanta a placa Ibérica, o que fai que na Galiza se rexistren pequenos terremotos que poden chegar a ter unha magnitude de até 5,1 no caso máximo recollido nos rexistros históricos.

Pódese predicir se se vai producir un tsunami neste punto e cando? O certo é que non, mais existen exemplos recentes, como o tsunami que penetrou no río Ouro, en Foz (A Mariña) o 20 de xaneiro de 2018, "cunha onda de aproximadamente un metro", relata o catedrático. "Non aconteceu nada porque non había ninguén na zona, pero puido pasar", lamenta. 

O cambio climático

En toda a costa da Galiza, nos últimos 3.000 anos que cando se formaron as rías, o nivel do mar foi subindo constantemente até uns 9 metros, e seguirá subindo. "A costa galega está exposta aos efectos dun posíbel tsunami desde que chegou o mar, e cada día máis", explica.

O cambio climático provoca tamén un incremento do nivel do mar. "A temperatura terrestre está aumentando desde hai 15.000 anos que rematou a última glaciación (cando o mar estaba case 200 metros por baixo do nivel actual)", e con ela o nivel do mar. 

"Con esta suba do mar, o risco de que un tsunami alcance o interior da Galiza, e non só as súas costas, é cada vez máis alto cada día que pasa", sentencia Vidal. 

Ningunha cidade ou vila da Galiza é 'Tsunami Ready'

Sistema de alerta de tsunamis en Setúbal, Portugal. (Foto: Nós Diario)

O 'Tsunami Ready' é un programa da Comisión Oceanográfica Intergobernamental (IOC, polas súas siglas en inglés) da Unesco que busca axudar organizacións e comunidades costeiras a reducir o potencial ou mitigar a devastación dun maremoto. Trátase dun emblema que recoñece as comunidades que cumpren unha serie de requisitos que as preparan mellor para enfrontar un tsunami. Entre as entidades locais que forman parte deste programa está a cidade de Setúbal, en Portugal, que conta con todo un dispositivo de alarma para avisar a poboación no caso de que se produza un tsunami.

No Estado español só Chipiona, en Andalucía, está "preparada" oficialmente. O catedrático emérito da UDC Juan Ramón Vidal Romaní teno claro: "É algo no que incido sempre que podo: na Galiza deberían incrementarse os esforzos para a creación dun sistema de sismos e de tsunamis en toda a costa galega". "Ao contrario doutras costas máis lineais, a nosa é moi recortada. Non só temos posibilidade dun tsunami que bata, por exemplo, na illa de Ons, se non que bata no fondo da ría de Pontevedra porque as rías fan penetrar o tsunami ao mesmo fondo".