Cambio de hora: cando hai que actualizar o reloxo e como afecta na Galiza?

Os reloxos atrasaranse unha hora esta fin de semana. (Foto: Stephanie Frey)
O horario de inverno supón perto dunha hora e media de desfasamento no país.

Máis un ano contra estas datas, os reloxos atrasaranse unha hora en todos os países da Unión Europea como acontece desde 1981. Na madrugada deste sábado ao domingo, día 30, ás 3 horas serán de novo as 2.

O obxectivo desta medida é potenciar o aforro enerxético. Porén, cada vez son máis as persoas expertas que desaconsellan os dous desequilibrios do ritmo biolóxico que se producen tanto nestas datas como coa entrada da primavera.

De feito, en 2018 a Comisión Europea propuxo suprimir o cambio horario no conxunto da UE de cara ao seguinte ano, se ben os daquela 28 estados membro —contando o Reino Unido— consideraron "prematura" a iniciativa, polo que se optou por adiar a decisión.

Os prexuízos para o país

Mais ese aforro no consumo enerxético que se procura co cambio de hora non afecta por igual todos os territorios, pois se ben, por exemplo, en París suporía arredor de 13% ou en Barcelona 7%, na Galiza, ao compartir o fuso horario co resto do Estado español e outros países como Francia, a porcentaxe redúcese a perto de 2%.

O desfasamento horario que sofre a Galiza ao non compartir o fuso horario con Portugal, como correspondería tendo en conta os trazados paralelos do meridiano de Greenwich, só é superado en todo o mundo polo do oeste da China.

Así, os concellos máis occidentais do país experimentan, co horario de verán, unha diferenza entre o mediodía solar real e as 12 horas oficiais que marcan os reloxos de máis de 160 minutos, isto é, case 3 horas.

Asemade, o horario de inverno supón na Galiza practicamente unha hora e media de desfasamento considerando que o mediodía solar, aquel onde o Sol se atopa a unha maior altura, cae perto das 13.30 horas, provocando 2 horas e 30 minutos de diferenza.