O Camiño de Santiago conta con 1.600 puntos con recursos para previr calquera tipo de violencia contra as peregrinas

O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, presentou a campaña en Melide esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
O material está accesíbel en puntos como albergues, oficinas de turismo, dependencias policiais, centros de saúde, farmacias e hospitais públicos en inglés, castelán e galego.

O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, informou esta quinta feira de que o Camiño de Santiago conta na actualidade na Galiza con até 1.600 puntos nos que as peregrinas poderán atopar recursos para previr calquera tipo de violencia contra as mulleres na ruta xacobea. Fíxoo na presentación en Melide da campaña #NoCaminasSola, na que están implicadas as delegacións do Goberno de Aragón, Nafarroa, A Rioxa, Castela e León e Galiza, as comunidades polas que pasan o groso das persoas que fan o Camiño.

Branco explicou que esta iniciativa, iniciada no ano 2021, está dirixida a reforzar a protección das mulleres que fan o Camiño de Santiago. Presentouna en Ponte Furelos, acompañado da subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas; o alcalde de Melide, José Manuel Pérez Penas; o xefe superior da Policía Nacional na Galiza, Ramón Gómez Nieto; o coronel xefe da Garda Civil na Galiza, Miguel Ángel González Arias; a xefa da Unidade de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller na Galiza, María Debén, e a vogal de Oficinas de Farmacia do Colexio Oficial de Farmacia da Coruña, Silvia Represa.

"As mulleres están a ser as protagonistas destas sendas de peregrinación e ano tras ano a súa presenza vai a máis. Representan xa 53% das persoas que fan o camiño —máis de 230.000 mulleres fixérono no último ano— e non dubidan en realizalo en moitas das ocasións sen compañía", precisou o delegado. A iniciativa #NoCaminasSola ofrece ás mulleres peregrinas toda a información de emerxencias e dos recursos das Forzas e Corpos de Seguridade aos que poden acudir ao longo do Camiño, nos diferentes roteiros que percorren Galiza até chegar a Santiago.

Esa información está accesíbel en puntos como albergues, oficinas de turismo, oficinas de policía e garda civil e policía local, centros de saúde, farmacias e hospitais públicos. "Ademais, para facilitar a súa comprensión, o material distribuído nestes puntos —34.000 carteis e tarxetas— está dispoñíbel en español, inglés e galego. E temos ademais a aplicación AlertCops, que permite comunicar alertas en tempo real e con envío de localización", apuntou Pedro Branco, quen incidiu en que o obxectivo último desta campaña "é converter o Camiño nunha senda que as mulleres poidan transitar, soas ou acompañadas, sen ningún tipo de perigo ou limitación".

O delegado tamén aproveitou o acto para agradecer ao alcalde de Melide a súa acollida e colaboración nesta campaña, recoñecemento que fixo extensivo a concellos, persoal sanitario, persoal de Igualdade nas subdelegacións do Goberno e ao Colexio de Farmacéuticos, a quen agradeceu a súa implicación. Tamén valorou o "traballo, dedicación e compromiso" da Garda Civil e Policía Nacional, "sempre e especialmente nesta campaña de verán, e nesta iniciativa concreta para facer do Camiño de Santiago un camiño máis seguro aínda".

Por último, lembrou que "este é un Goberno igualitario e feminista, comprometido coa promoción dos dereitos da muller e a salvagarda da súa seguridade", como demostran, dixo, os "máis de 82 millóns de euros" investidos na Galiza desde o 2018 en accións de prevención e loita contra a violencia machista. Deles, máis de 73 millóns foron transferidos á Xunta para financiar as súas accións nesta materia.

"Polo tanto, enmarcamos esta campaña, #NoCaminasSola, dentro do propósito do Goberno de facer da nosa sociedade un lugar mellor, máis seguro e polo tanto máis libre para todas as mulleres. Con ese horizonte seguiremos traballando para que nun futuro próximo, non sexa necesaria a existencia deste tipo de iniciativas. Lograrémolo todos e todas xuntas", concluíu.