A campaña 'Coruña Wapa', denunciada por ''sexista'' e por excluír o galego

O BNG leva ao Parlamento unha pregunta oral dirixida á secretaria xeral de Igualdade a respeito de lemas como 'Antes muerta que sencilla'. Namentres, A Mesa quéixase ao Valedor do Pobo e ameaza con denunciar o alcalde, Carlos Negreira, se non retira da publicidade o topónimo ilegal 'La Coruña'.


O Concello da Coruña volve estar no albo da oposición política e de organizacións en defensa da lingua polos seus ataques ao galego e, desta volta, á equidade de xénero.

O goberno local financia con 180.000 euros a segunda edición do evento de moda 'Coruña Wapa', que se publicita con muppis e valos de publicidade con lemas sexistas como "Antes muerta que sencilla" ou "La belleza está en el interior del vestidor", escritos en español e asinados coa forma ilegal do topónimo: "Ayuntamiento de La Coruña".

Ao Parlamento por ''sexismo''...

Perante esta campaña, o grupo municipal do BNG presentou unha denuncia formal perante a secretaria xeral de Igualdade exixindo a retirada das publicidades, cualificadas pola edila Avia Beira de "inadmisíveis" por fomentaren "a imaxe dunha muller obxecto e submisa".

Aliás, a formación frontista anunciou tamén que presentará no Parlamento galego unha pregunta oral dirixida á propia secretaria xeral, Susana López Abella. "Terá que explicar" o que vai facer a Xunta con esta campaña, sinalou o grupo parlamentar do Bloque, aseverando que tamén na Cámara galega reclamarán a súa retirada a través desta pregunta oral que formulará a deputada Carme Adán.

...e ao Valedor do Pobo pola ''esforzada'' exclusión do galego

Pola súa banda, A Mesa centra as súas demandas na discriminación do galego incorre, máis unha vez, o alcalde da Coruña, Carlos Negreira. Neste sentido, a asociación que preside Carlos Callón advirte de que presentará unha demanda contra o rexedor se non retira o topónimo ilegal 'La Coruña' dos soportes publicitarios. Polo de agora denunciaron perante o Valedor do Pobo. 

Entende Callón que "non é nada inocente" nen a "esforzada" exclusión do galego nen a "pensada desobediencia" ás sentenzas xudiciais emitidas por instancias como o Tribunal Superior de Xustiza ou o Tribunal Supremo, así como aos propios acordos municipais que sinalan que a forma 'La Coruña' non é legal. Aliás, esta campaña publicitaria está a vulnerar a lei 5/1997, do 22 de xullo, da administración local da Galiza, cuxo artigo 7 estabelece que "todos os actos de carácter público que se realicen por escrito en nome das corporacións locais redactaranse en lingua galega".

Un topónimo ilegal, non a forma "en castelán"

En declaracións realizadas en setembro de 2009 a unha emisora de radio privada, o daquela delegado provincial da Xunta e hoxe presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, expresou o seu "apoio incondicional" a Negreira en defensa da forma deturpada 'La Coruña', sinalando que "nunca estará só na batalla do topónimo".

Aliás, subliñou que a postura de Feijóo a este respeito "está clara: dixo que estaba disposto a restaurar o topónimo en castelán se se producía un acordo maioritario da corporación municipal coruñesa". 

Acrecentou Diego Calvo que "é moita a xente que di La Coruña na súa vida diaria e non pasa nada porque, sinceramente, coido que é algo que a xente da rúa xa ten moi superadas. O importante é entenderse e non empregar a forma en galego ou en castelán para marcar a diferencia entre unhas persoas e outras".