Análise

Cando se legaliza a usura

A lei, ainda vixente, foi assinada por Alfonso XIII em 1908. (Ilustración: Álex Rozados)
O economista Xosé Antonio Pena Beiroa asina esta nova análise para 'Nós Diario'.

Foi Alfonso XIII quen asinou no 1908 unha lei de só dezaseis artigos, aínda vixente, que di que será nulo todo contrato de préstamo no que se estipule un xuro notablemente superior ao normal do diñeiro. A lei foi impulsada por Gumersindo de Azcárate e tamén é coñecida como “Lei Azcárate” ou “Lei da usura”. Polo tanto, permite aos prexudicados obter a nulidade de préstamos persoais, no caso de que o tribunal así o determine, considerados como usureiros.

Así é que con amosar que a un préstamo se lle aplica un xuro maior que o normal do diñeiro, o préstamo é nulo. Semella doado? Non tanto. A dificultade é, primeiro, definir cal é o “interese normal do diñeiro” e segundo definir o que se entende como “notablemente superior”. Vexamos no caso do financiamento ao consumo como se poden perverter as dúas variables e verificar como até a usura poder ficar legalizada xudicialmente.

Polo acordo de Basilea III, que obriga os bancos a aumentar as súas reservas de capital para protexerse de posibles caídas, o capital mínimo, o que inclúe as accións ordinarias e os resultados acumulados, será cando menos do 4,5%, computado sobre o total dos "activos ponderados por risco" ou APR. Na súa ponderación, un activo crediticio de maior risco requirirá maior necesidade de capital regulatorio que outro de menor risco. 

Ao Supremo parécelle normal un tipo de xuro do 24,5%

É o Banco de España o que fai a clasificación dos APR. Entre as seis categorías de “risco normal” atopamos as de “risco medio-alto”, na que se inclúen os créditos a persoas físicas para a adquisición de bens de consumo duradeiro, e a de “risco alto”, a que comprende os seguintes produtos bancarios: tarxetas de crédito; descubertos en conta corrente e excedidos en conta de crédito. A clasificación é lóxica, pois é certo que as tarxetas teñen máis risco de falta de pagamento que os préstamos. E tamén é lóxico que, con máis risco, os xuros sexan maiores.

Tres tipos de produtos

Desta clasificación derívase que o financiamento do consumo privado recae basicamente en tres tipos de produtos, á súa vez relacionados co importe e o prazo do financiamento: créditos ao consumo para importes e prazos de medios a longos; tarxetas de crédito para importes e prazos de reducidos a medios e descubertos en conta para importes e prazos baixos. E os xuros de cada produto terán relación co nivel de risco e o prazo.

De aí que os préstamos ao consumo deberán ter uns xuros máis baixos que as tarxetas de crédito no caso dos consumidores, que son os definidos pola Directiva 93/13/CEE do Consello, sobre as cláusulas abusivas nos contratos con consumidores, como “toda persoa física que, nos contratos regulados por medio desta Directiva, actúe cun propósito alleo á súa actividade profesional”.

Volvendo á lei da usura e tendo en conta os criterios xudiciais para definir a usura nestas operacións, determinarase o “xuro normal do diñeiro” como a media dos xuros aplicados ás operacións de financiamento do consumo e o que se entende como “notablemente superior” cando o xuro usurario sexa moi superior ao medio. 

Así o confirma unha sentenza do Supremo de novembro do 2015 que di “para determinar se o xuro tachado de usurario é ou non notablemente superior ao normal do diñeiro hai que atender aos tipos medios de xuro de cada modalidade de crédito e manifestamente desproporcionado coas circunstancias do caso”. No caso das tarxetas de crédito, os seus xuros case que triplicaban os medios do financiamento ao consumo, sendo dunha media do 20%, polo que todas as demandas eran gañadas polos consumidores ao cualificarse como usureiros. 

Vendo o que pasou despois, temos que pensar que algúns “moveron os marcos”, xa que o mercado oligopolístico das tarxetas estaba a ter perdas de centos de millóns. Para impedilo, a estratexia foi dupla. En primeiro lugar o Banco de España publicou en 2017 os tipos medios do produto tarxetas, con efectos retroactivos, de 2010 en adiante, os que, conforme ao agardado, andaban polo 20%, mentres que no resto de produtos non fixo a mesma segmentación, poida porque non tiñan conflitividade xudicial. 

En segundo lugar, o Supremo comezou a comparar os tipos coa media do produto, e polo tanto pasou a considerar non usurarios tipos de xuro do 24,5%, como fixo nunha súa sentenza de maio deste ano. En resumo, ao Supremo parécelle “normal” un tipo de xuro a un consumidor do 24,5% que triplica o prezo normal de financiamento vía préstamo. Nalgunhas ocasións son os xulgados os que contribúen a corrixir os excesos que sofren os consumidores.

Noutras seica son quen de definir o que é un prezo razoable dun produto financeiro. E así foi como se “legalizou” a usura no caso das tarxetas de crédito, o que se debería ter corrixido se o poder lexislativo non mirase para outro lado.