O canon de Sogama subirá para 118 municipios este ano ao suprimir a bonificación polo contedor marrón

Materiais para reciclaxe en Sogama. (Foto: Europa Press)

A Fegamp poderá alegar contra a actualización do canon

O consello de administración da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama) presentou unha proposta de actualización do canon que será de 66 euros por tonelada de residuos domésticos para todos os municipios galegos adscritos, un total de 295. Deste xeito, prodúcese un incremento para 118 municipios que recibían unha bonificación do 15% en 2023 —cunha tarifa de 56,10 euros por tonelada— pola posta en marcha do contedor marrón.

Fontes da Consellaría de Medio Ambiente, consultadas pola axencia Europa Press, explican que "a bonificación que se aplicaba o ano pasado era unha medida excepcional para promover a implantación do contedor marrón, pero suprímese dado o impacto económico das medidas do Estado español nas contas de Sogama".

Nun comunicado, a Xunta da Galiza xustifica que as decisións do Goberno estatal na materia — a nova taxa estatal á vertedura e á incineración, en vigor desde xaneiro de 2023— "adoptadas no último ano e medio están a ter un grande impacto económico no custo do servizo", polo que se estuda esta actualización do canon.

Con todo, apunta que o Executivo galego transferirá nove millóns este ano aos 295 municipios adheridos a esta entidade público-privada de xestión de residuos para "minimizar o impacto da medida".

O importe medio será de 66 euros por tonelada para todos os concellos que envían os seus residuos a Cerceda (comarca de Ordes), toda vez reciban a achega da Xunta de 12 euros por tonelada a través do Fondo de Cooperación Local, sen o cal o importe ascendería a 78 euros.

Unha vez coñecida a proposta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) terá 10 días hábiles para presentar as súas posíbeis alegacións. Transcorrido ese prazo, o consello de administración de Sogama volverá reunirse para facer a súa proposta á Consellaría de Medio Ambiente, que, previo informe do departamento de Facenda, aprobará o novo canon deste ano.