Capturan nun edificio de Lugo un lagarto ocelado de 40 centímetros

Lagarto ocelado (Foto: Europa press)
O ocelado é dos lagartos europeos máis grandes.

Unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo rescatou esta fin de semana un lagarto arnal ou ocelado de 40 centímetros de lonxitude dun edificio da cidade.

En concreto, os axentes foron alertados pola veciñanza dun edifico da rúa Río Navia pola presenza dun "lagarto de grandes dimensións" na entrada do inmóbel.

Ao chegar, localizaron ao animal e capturárono. Trátase dun lagarto ocelado duns 40 centímetros de lonxitude que foi trasladado ao centro de recuperación de fauna silvestre de O Veral.

O ocelado é dos lagartos europeos máis grandes. Na Galiza alcanza case os 20 centímetros de cabeza a corpo. Ocupa case todo o territorio mais é máis frecuente na faixa litoal atlántica e cara ao sur.

Así mesmo, unha Unidade da Policía de Barrio de Lugo tamén participou estes días no rescate dun can que caera ao río nas proximidades da escola de Piragüismo.

Segundo indicaron os alertantes, o can quedouse atrapado na rama unha árbore e, posteriormente, precipitouse ao río. Os axentes localizárono e, coa axuda dunha dotación de Bombeiros, rescatárono. Dado que non tiña microchip, foi derivado á protectora de animais.