Carballo divulga a riqueza medioambiental de Baldaio

O alcalde, Evencio Ferreiro, e a concelleira, Maruxa Suárez (Foto: Nós Diario).
O Concello bergantiñán abre unha intervención no seu litoral.

O Concello de Carballo, na comarca de Bergantiños, inaugurou onte unha das primeiras intervencións coas que procurará divulgar a riqueza medioambiental, histórica e turística do seu litoral.

Coa visita do alcalde, Evencio Ferreiro; a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, e as persoas participantes nunha xornada de iniciación á ornitoloxía que se levou a cabo dentro do programa “Eu quero Razo-Baldaio”, presentouse o primeiro dunha serie de paneis e outros elementos físicos con información relevante dese espazo natural

Así, lémbranse nel os usos e aproveitamentos que conviven historicamente nesta mesma zona, como o marisqueo ou o surf; así como dúas propostas de rutas, con toda a información sobre distancias, duración, dificultade e recursos dispoñíbeis ao longo dos percorridos.

Conscientes das novas inquedanzas que teñen as visitas ao lugar, hai un espazo reservado para que a persoa que visite Baldaio poida quitarse unha fotografía coa propia marisma de fondo.

Ademais, nun apartado histórico lémbrase a gran loita veciñal que fixo posíbel a fin da concesión do ano 1948 e a recuperación do espazo público. A zona foi, durante catro décadas, explotada por empresas privadas para a extracción de area provocando a destrución da paisaxe.  

Paraíso ornitolóxico

Baldaio conta, polo seu particular ecosistema, cunha gran riqueza faunística, sobre todo de aves. Por ese motivo está recoñecida pola Unión Europea como Zona de Especial Protección para as Aves.

Na lagoa e nas marismas pódense atopar, ademais das píllaras das dunas, corvos reais, mascatos, pardelas, garzas reais, carráns e mazaricos. Ademais, no inverno, aparecen neste litoral bergantiñán aves que proceden doutras latitudes, como é o caso da escribenta nival, que chama a atención polo singular branco das súas plumas. 

Alén diso, a zona conta cunha rica presenza marisqueira, da que son protagonistas os berberechos, as ameixas, os mexillóns, o longueirón ou a ostra que se crían nas súas areas. No mar, ademais, pódense atopar peóns, muxes, robalizas, sollas e anguías. Por último, nas pozas que forma a auga da choiva viven tamén ras, sapos, escánceres e esgonzos.