Carme Moure: "Como docentes, o noso primeiro obxectivo é o benestar emocional do noso alumnado"

A profesora Carme Moure traballa no IES Xelmírez I de Compostela (Foto: Arxina)
O IES Xelmírez I de Compostela iniciou no curso 2018-19 unha experiencia, dentro do programa Erasmus, na que se traballaron as Tecnoloxías das relacións, información e comunicación (Tric) relacionadas co ciberacoso. Carme Moure, a súa coordinadora inicial, explica a Nós Diario un proxecto que implica directamente o propio alumnado para lograr que sexa consciente dos aspectos positivos que teñen as redes sociais coa fin de potenciar o seu bo uso.

Cal é a razón de introducir este proxecto nas aulas?

Pareceunos unha maneira axeitada de seguir traballando a convivencia no centro educativo. Afondamos no espazo virtual onde se relaciona a rapazada, aínda máis despois de pasar un confinamento, xunto cun instituto italiano e outro da Romanía. O proxecto tentou ter unha perspectiva positiva, non queriamos demonizar os espazos virtuais que hai na actualidade nin os aspectos negativos que existen e que o alumnado ten que coñecer. A idea foi mostrar as redes como lugares de oportunidade, creación, bo trato e coidados. 

O ciberacoso substituíu o acoso físico escolar?

Agora mesmo o acoso escolar segue existindo mais cambiou a maneira. Todas e todos o vivimos nos centros cando eramos estudantes, antes de que aparecera a tecnoloxía. Era máis visíbel que agora. O acoso físico nestes momentos é moito máis puntual, trasladouse ás redes sociais. Foi do patio á arañeira das redes, polo que é moito máis difícil de detectar. 

A maior parte das veces o profesorado só percibimos as consecuencias dese ciberacoso continuado. A situación favorece unha desconexión moral tremenda posto que o agresor non ve a vítima, está tras unha pantalla ademais de ter garantido o anonimato e a amplificación da audiencia. Para quen padece acoso créase inseguridade, pode pasar en calquera momento e o fogar xa non é un espazo seguro, polo que as consecuencias son máis graves ao xestar estados de ansiedade e baixo rendemento académico. Decatámonos dos síntomas cando a situación xa leva tempo.

Como se pode previr?

Hai que traballar coas vítimas, coas persoas agresoras e tamén coa audiencia cómplice que non actúa directamente mais si observa. Pensamos facer do alumnado un axente protagonista. Esta proposta xa tivo éxito noutros centros na Galiza e no Estado español. Creamos un grupo que teña un perfil de habilidades comunicativas e despois formámolo para os bos usos das redes sociais.

O mal emprego está aí, mais é porque a nosa rapazada e as redes sociais son un reflexo da nosa sociedade. No noso caso, este alumnado "cibermentor" era de 1º de bacharelato e realizou unha charla en 1º da ESO para concienciar sobre os bos usos dos grupos de What'sApp da aula onde había moitos conflitos. Traballaron a necesidade da empatía virtual, de mostrar como hai palabras que fan sufrir as persoas que hai do outro lado da pantalla. Foi moi gratificante pola responsabilidade dos maiores e a atención que prestaron os máis pequenos. A mensaxe chega moito mellor dun igual.

O profesorado conta coas ferramentas necesarias para intervir?  

Hai un protocolo da Xunta e temos que actuar. Cada centro pode matizalo mais os pasos están claros, desde o profesorado titor até o equipo directivo pasando polas familias e a propia inspección educativa. Caso contrario poderíase incorrer en abandono de funcións se se tenta tapar un acoso. É a nosa responsabilidade. Na miña experiencia sempre se actuou e nunca se mirou para outro lado. Como docentes, o noso primeiro obxectivo é o benestar emocional do noso alumnado. O logro académico depende del. O instituto non debe ser un lugar de sufrimento.

A proposta é voluntaria. O alumnado participa?  

Si, o caso é que acceden moitas máis nenas que nenos. A educación emocional é diferente desde que nacen. Elas verbalizan e expresan máis as emocións e eles menos, non se senten interpelados igual por faltarlles referentes masculinos nos coidados.