Carreira en Compostela a prol dunha ''implicación real'' na loita contra a pobreza

Foto do blogue persoal de María Reimóndez
Implicadas no Desenvolvemento chama a participar nesta actividade, que se realizará o sábado 26 ás cinco do serán e que se enmarca na campaña Cambia de Papel na procura "dun cambio de mentalidade" para enfrontar a pobreza como ''unha cuestión política''

A organización non gobernamental Implicadas no Desenvolvemento organiza para esta fin de semana en Compostela unha carreira solidaria enmarcada na campaña Cambia de Papel. O sábado 26, das cinco en diante, quen quixer poderá facer parte desta carreira a prol "dun cambio de mentalidade respecto á representación e estruturas de poder e xénero".

Do que se trata é de procurar "unha implicación real das persoas" na loita contra a pobreza. A recadación de cada inscrición --5€ para todas as categorías agás a infantil, que custará 2€-- irá destinada aos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que a entidade que preside María Reimóndez leva a cabo conxuntamente con organizacións locais na India.

A Alameda de Compostela fará as veces de saída e de chegada desta particular competición onde as que gañan son as poboacións do Sur, a través das intervencións en cooperación mais, sobre todo, a través do espertar dunha conciencia crítica no Norte que sirva de vieiro cara a unhas relacións "máis xustas entre os pobos, desde un compromiso feminista e crítico".

 

Con ese obxectivo naceu a campaña Cambia de Papel, lanzada en marzo, e da que fixeron parte desde persoas anónimas a caras coñecidas como Xurxo Souto, Isabel Risco ou María Xosé Silvar, Sés; e empresas como a Libraría Couceiro ou Filmanova.

Convencidas de que a pobreza que asoballa a máis de 1.200 millóns de persoas no mundo --a maior parte delas mulleres-- "ten as súas raíces na nosa sociedade", as Implicadas chaman a mudar de papel e ficar atent@s ao disparo de saída que inaugure no Norte, ao fin, a carreira a prol da equidade.