Cartografía de risco da Covid-19 nos espazos urbanos e rurais da Galiza

O investigador Ángel Miramontes e de parte do seu equipo de investigación (Foto: USC)

Investigadores da USC elaboran mapas de risco do coronavirus para coñecer como se está a propagar o virus e poder tomar as medidas acaídas en cada momento.

Un proxecto dirixido por Ángel Miramontes desde o Idega -Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galiza-, cun equipo integrado na súa maioría por xeógrafos e analistas territoriais pero tamén por enxeñeiros e economistas, traballa desde o inicio da pandemia na xeración dunha cartografía de risco da Covid-19 nos espazos urbanos e rurais da Galiza. “Unha ferramenta moi útil de cara a toma de decisión”.

O Sergas proporciónalles os datos relativos aos contaxios, que os investigadores vencellan cunha gran cantidade de información de tipo territorial da que dispoñen: cocnellos, catastros, demografía, avellentamento poboacional, dispersión da poboación… e outros máis concretos como a localización de farmacias, hospitais e centros de saúde, liñas de autobús, mobilidade da poboación…

Tamén empregan variábeis socioeconómicas como o PIB. A finalidade é coñecer como se comporta o virus, xa que varía moito dun concello a outro ou mesmo dentro dunha mesma poboación. “O tratamento da información é moi laborioso, cómpre depurala e xeorreferenciala” -indica o investigador principal do proxecto-.

A finalidade é coñecer como se comporta o virus, xa que varía moito dun concello a outro ou mesmo dentro dunha mesma poboación

O equipo xera mapas e informes temporais -semanais e quincenais- que permiten coñecer como aumenta ou mingua un determinado foco de contaxio, ao tempo que explican as causas que provocan cada situación. Envían estes resultados tanto á Axencia Galega de Innovación como ao Sergas, o que serve de guía para tomar as medidas máis axeitadas en cada intre.

O obxectivo deste proxecto a longo prazo é, unha vez que remate a pandemia, dispor dunha radiografía perfecta de como foi evolucionando e todos os cambios que se foron producindo no caso concreto do territorio galego.

O equipo da Universidade de Santiago colabora con outros xeógrafos e analistas territoriais doutros puntos do Estado, Portugal, América, Sudamérica e mesmo de Corea co fin de coñecer a realidade a escala mundial.

Ángel Miramontes salienta que “esta investigación ten unha clara repercusión territorial e social, de aí a importancia de que a sociedade teña coñecemento do que se está a avanzar neste eido. Pero tamén interesa que a sociedade e os axentes económicos se impliquen neste proceso a través de accións como o micro mecenado porque é un bo xeito de contribuír á calidade máxima da investigación”.

A Universidade de Santiago de Compostela ten en marcha o programa de micro mecenado “Sumo Valor”, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC.