Case 13.000 estudantes enfróntanse á ABAU

Un estudante durante un exame da ABAU de 2023 en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Ademais de en facultades das sete principais cidades (A Coruña, Santiago, Vigo, Ferrol, Lugo e Ourense), decorrerán en institutos de Cee (comarca de Fisterra), A Rúa (Valdeorras) e Viveiro (A Mariña).

Un total de 12.996 estudantes da Galiza, 200 máis que o ano pasado, están matriculados e matriculadas para participar entre o 5 e o 8 de xuño na convocatoria ordinaria da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU).

Os exames do que antes se coñecía como selectividade congregarán a estas case 13.000 persoas aspirantes en 36 centros esparexidos nunha decena de localidades galegas. Ademais de en facultades das sete principais cidades (A Coruña, Santiago, Vigo, Ferrol, Lugo e Ourense), decorrerán en institutos de Cee (comarca de Fisterra), A Rúa (Valdeorras) e Viveiro (A Mariña).

A maior parte de estudantes acudirán a realizar as probas a Vigo (2.825), Santiago (2.758) e A Coruña (2.751). Tras estas, as sedes máis concorridas serán os campus de Pontevedra (1.280), Ourense (1.098) e Lugo (995), seguidas das comisións periféricas de institutos Vilar Ponte de Viveiro (217), Agra de Raíces de Cee (143) e Cosme López Rodríguez da Rúa (127), que buscan evitar longos desprazamentos até as cidades.

Necesidades especiais

Como todos os anos, hai unha sede a maiores que a Comisión Interuniversitaria da Galiza (CIUG) habilita no Colexio Santiago Apóstol de Pontevedra, en colaboración coa ONCE, para todas as aspirantes con necesidades especiais de apoio ou que conten con algunha discapacidade. Alí terán todo o material e a asistencia que precisen.

A ABAU 2024 arrincará a terza feira ás 9 horas cunha presentación tras a que virá o primeiro exame, que este ano será o de Lingua Galega e Literatura, ás 10 horas. Polo xeral, os alumnos e as alumnas fan un total de sete probas ao longo das tres xornadas que dura a selectividade.

En concreto, son cinco correspondentes á parte obrigatoria, que xunto coa media de Bacharelato permite obter até 10 puntos; máis outras dúas de materias específicas -aínda que optar por examinarse de máis- que permiten subir nota, até 14. Os resultados, que as aspirantes coñecerán ao cabo dunha semana, conformarán a súa nota de acceso coa que tentarán conseguir praza nunha universidade.