Case 200 mozos migrantes de Malí inician unha nova vida en Mondariz-Balneario

Chegada dun centenar de migrantes refuxiados da guerra de Malí ao albergue do Monte do Gozo, en Santiago de Compostela, a finais de xullo. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Os 180 refuxiados intégranse "con total normalidade" no municipio máis pequeno da Galiza.

A chegada de 180 mozos migrantes procedentes de Malí, no marco do programa estatal de acollida a persoas refuxiadas, vívese en Mondariz-Balneario (O Condado), o municipio máis pequeno da Galiza —703 habitantes nunha superficie de 2,3 quilómetros cadrados—, con "normalidade absoluta", segundo trasladou esta cuarta feira o seu alcalde, César Gil, en declaracións á axencia Europa Press.

Tras un primeiro grupo de 80 refuxiados e refuxiadas malianas que viñan da cidade estremeña de Mérida, nas últimas horas chegaban á vila termal outro centenar de mozos que viaxaron desde Alcalá de Henares (Madrid). Todos eles quedaron instalados no Complexo Cemar, onde "teñen todas as súas necesidades cubertas" e son atendidos por membros da ONG Accem.

O rexedor de Mondariz-Balneario confirmou que, se ben inicialmente se prevía a chegada doutro centenar de refuxiados, finalmente serán 180 os que se aloxen de forma temporal no municipio. Os novos veciños e veciñas supoñen un crecemento de até 25 % da poboación deste concello.

Un equipo sociosanitario formado por varios profesionais da ONG Accem encárgase de atender os mozos e mozas migrantes, que en próximos días iniciarán cursos de lingua española e recibirán, entre outras atencións, orientación laboral.

Segundo explicou César Gil, non se requiriron servizos municipais para este grupo de refuxiados. A previsión é que permanezan no municipio até decembro, aínda que é probábel que moitos deles marchen antes para reunirse con achegados e familiares xa asentados en Europa, fundamentalmente en Francia.

Entre tanto, incidiu o rexedor, o pobo vive a chegada dos novos veciños con "normalidade absoluta". "É verdade que chama a atención, nun pobo tan pequeno, pero está a vivirse con normalidade e sen ningunha incidencia", apuntou.