Case 2.800 propietarios foron multados nos últimos catro anos por non limpar as súas leiras

Dúas persaos observan o incendio no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés o 26 de agosto de 2022. (Foto: Rosa Veiga/Europa Press).

A biomasa que arde nun incendio volve ser a mesma que antes do lume nun período de cinco anos

Un total de 2.793 propietarios foron multados na Galiza entre 2019 e 2022 por non limpar as súas leiras ante a obrigación de roza de faixas secundarias de protección de vivendas para a prevención de incendios.

Segundo datos da Consellaría de Medio Rural , durante este período houbo un total de 8.185 apercibimentos a donos de terreos, avisos que de non cumprirse tradúcense en sancións económicas, como así foi en 2.793 casos.

Sobre a campaña de 2023, este departamento aclara que aínda non conta con datos porque "as revisións comezaron este mesmo mes". O 1 de xullo iníciase a temporada de alto risco de incendios forestais na Galiza, nun ano con novidades como a posta en marcha por primeira vez dunha unidade especializada en grandes lumes e a ampliación da rede de videovixilancia.

O feito é que as sancións económicas van á alza co paso dos anos: 495 en 2019, 557 en 2020, 756 en 2021 e 985 en 2022. As multas poden ir desde 100 euros nos casos leves até os 100.000 euros nos moi graves.

Actualmente, un total de 279 municipios (o 89% do total) sumáronse ao convenio entre Xunta, Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga para a limpeza de faixas de seguridade.

 

 

Inspeccións

Así, a Xunta inspeccionou entre 2021 e 2022 un total 84.915 hectáreas de 1,2 millóns de parcelas. O 70% da superficie estaba xestionada en 2022 -polos seus propietarios ou de modo subsidiario por Seaga-, unha cifra que sobe desde o 50% que representaba en 2019.

Os propietarios de parcelas non xestionadas son obxecto da correspondente notificación, advertindo da repercusión do custo e da imposición da correspondente sanción se non se cumpre -paralelamente ábrese expediente con multa en caso de persistencia do incumprimento.

De tal forma, entre 2021 e 2022 remitíronse un total de 250.303 notificacións e 208.635 referencias catastrais para publicación en diarios oficiais --por ser parcelas de descoñecidos.

 

 

"Moi incisivos" na xestión da biomasa 

Nun encontro esta semana cos medios, o conselleiro do Medio Rural, José González, chamou a "ser moi incisivos" para a xestión da biomasa e destacou os cambios legais implementados nos últimos anos para ter maiores competencias de actuación ante o abandono.

Igualmente, Cristina Fernández, investigadora do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, reflexionou acerca da problemática de que a biomasa que arde nun incendio volve crecer até o mesmo nivel que antes do lume nun período dun cinco anos.

Mentres, o Goberno galego prohibiu desde este fin as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares debido ás condicións meteorolóxicas, con temperaturas elevadas e tempo seco.

 

 

Dispositivo

O dispositivo da campaña de alto risco que comeza o 1 de xullo -irá até finais de setembro- estará integrado por máis de 7.000 efectivos entre os diversos corpos dispoñibles. A Xunta fíxase o obxectivo de que a superficie arrasada sexa inferior a 19.762 hectáreas en 2023.

O ano pasado arderon máis de 51.600 hectáreas, unha campaña marcada polo fenómeno meteorolóxico rexistrado na Galiza en xullo, chamado sistema convectivo de mesoescala, que provocou miles de raios que desencadearon multitude de incendios. De feito, os lumes no Courel -11.100 hectáreas- e Valdeorras -10.500 hectáreas- foron os maiores na historia da comunidade galega.

Para este ano tamén destacan novidades como o despregamento de tres novas brigadas públicas helitransportadas operativas todo o ano nas bases do Barco de Valdeorras, O Xurés (Muíños) e Queimadelos (Mondariz). A rede de viodeovixilancia forestal, con cinco novas cámaras dispoñíbeis en dúas novas localizacións, alcanza a cifra de 153 unidades en 76 localizacións.

Igualmente, hai un reforzo de medios materiais con máis motobombas e unidades batracio, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidozer.

En relación coas parroquias de alta actividade incendiaria, o plan anticendios (Pladiga) 2023 eleva o número a 40, fronte ás 35 do ano pasado. A gran maioría están en municipios da provincia de Ourense (28), á que seguen Pontevedra (6), A Coruña (5) e Lugo (1).