Case 40% das estacións de control na Galiza seguen a rexistrar mala calidade do aire polos incendios en Portugal

Foto esta semana en Compostela co sol tinguido de vermello polo fume dos incendios en Portugal. (Foto: Álvaro Ballesteros / Nós Diario)
Estes niveis elevados de partículas débense ao fume dos incendios do norte de Portugal, 

O fume derivado dos incendios de Portugal leva varios días afectando á calidade do da Galiza. Aínda que a situación mellorou nas últimas horas, as catro provincias aínda rexistran varios puntos con mala calidade.

Segundo Meteogalicia, 38,6% das estacións de control rexistran unha mala calidade do aire. En nivel vermello atópanse: Coia, en Vigo; Raíña Sofía, en Ferrol; Gómez Franqueira, en Ourense; San Caetano, en Santiago; Cuíña, en Lugo Sur; Monte Xalo, en Cerceda; Xubia, en Neda; Teixeiro; Riazor, Torre de Hércules, Parque dá Cega e Centro cívico, na Coruña.

Con todo, aínda que non existe unha tendencia xeral na calidade do aire, en 27,3% de estacións é favorábel, boa en 20,5% e regular en 13,6%.

Estes niveis elevados de partículas débense ao fume dos incendios do norte de Portugal, detallou o organismo, polo que se deben seguir as recomendacións para protexer a saúde. A xornada deste sábado volve estar marcada pola inestabilidade atmosférica con ceos parcialmente nubrados e con choivas localmente fortes.

Copernicus, o compoñente de observación da Terra do programa espacial da Unión Europea (UE), advertiu esta quinta feira que os incendios forestais de Portugal liberaron xa o nivel máis alto de emisións de carbono en setembro nos 22 anos do conxunto de datos do Sistema Mundial de Asimilación de Incendios (GFAS, polas súas siglas en inglés).

As emisións totais de carbono estimadas, utilizadas como indicador da forza dos incendios, foron de 1,9 megatoneladas de carbono até o 18 de setembro, en comparación co anterior total máis alto de setembro para Portugal, de aproximadamente 1 megatonelada de carbono en 2003.