Os casos activos baixan en 108 na Galiza e sitúanse en 357

(Carlos Sánchez Europa Press)

Un total de 10.470 pacientes xa están curados.

O número de casos activos de COVID-19 reduciuse en 108 e sitúase en 357 na Galiza, mentres que as persoas curadas aumentaron até as 10.470, o que supón 114 máis que esta quinta feira.

Así se reflicte nos datos actualizados pola Consellería de Sanidade, nos que se sinala que do total de pacientes positivos, oito permanecen en unidades de hospitalización (tres menos que onte) e 349 en seguimento domiciliario (105 menos), mentres a UCI galegas mantéñense sen pacientes con COVID por terceira xornada consecutiva.

Dos 357 casos positivos na Galiza, 148 corresponde á área de Vigo (36 menos), 105 á da Coruña (os mesmos); 34 á de Santiago (58 menos); 28 á de Ourense (tres menos); 22 á de Lugo (7 menos); 12 á de Ferrol (1 menos) e 8 á de Pontevedra (3 menos).

Até a data as persoas curadas na Galiza ascenden a 10.470 e as falecidas con COVID sitúanse en 619, dato que se mantén sen cambios desde a xornada desta quinta feira.

Residencias

No que atinxe ás residencias de anciás, hai 25 casos activos (os mesmos ca onte), dos que 14 son de persoas usuarias mentres que 11 son de traballadoras e traballadores.

Os falecementos son 274: 132 en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.