Os casos activos baixan na Galiza por quinta xornada consecutiva: 2.789

Un traballador sanitario participa na realización dun cribado masivo con tests de antíxenos. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
A presión hospitalaria rexistra unha leve repunta até os 176 ingresados, ao sumar unha persona en UCI e dúas en planta.

A presión hospitalaria derivada da pandemia da Covid-19 rexistra unha leve repunta, cun total de 176 persoas ingresadas co virus, o que supón tres máis respecto ao día anterior, cando se cumpriu a primeira semana desde a finalización do estado de alarma, e a consecuente caída do peche perimetral e o toque de recoller na Galiza.

No entanto, de acordo coas cifras publicadas esta segunda feira pola Consellería de Sanidade, con rexistros até as 18:00 do domingo, os casos activos xa encadean cinco días de caída e sitúanse en 2.789 -43 menos que no día anterior-, o que significa que as altas superan aos novos diagnósticos de coronavirus. Mentres, detectáronse 107 novos contaxios nas últimas 24 horas, fronte aos 126 do día anterior.

En canto á presión hospitalaria, os datos das últimas horas indican que as cifras se incrementaron lixeiramente tanto nos hospitalizados en planta, que son 139 -1 máis que no día anterior-; como nas unidades de coidados intensivos, nas que hai 37 pacientes -dous máis-.

Por áreas sanitarias, o número de hospitalizados descendeu en Vigo, con 49 ingresados (-1), ao subir en un os pacientes en planta; na Coruña-Cee, con 44 hospitalizados (-2), onde hai 9 en coidados intensivos (+1) e 35 en planta (-3); e en Ferrol, con 5 hospitalizados (-1), após aumentar os pacientes en UCI (+1) e baixar os hospitalizados (-2).

No relativo aos casos activos, descenderon por quinto día consecutivo, de forma que esta segunda feira sitúanse nun total de 2.789, o que supón 43 menos que no día anterior.

Esta baixada dase en practicamente todas as áreas sanitarias. Tan só repuntou a área de Ourense-Verín-Ou Barco, até os 223 pacientes (+12), mentres que a de Ferrol mantense sen cambios, con 87.

En cambio, as cifras descenderon nas áreas de Pontevedra-O Salnés, até os 426 (-26); en Vigo, con 828 (-21); en Santiago-Barbanza, con 424 (-4); na da Coruña-Cee, con 626 (-2); e en Lugo-A Mariña-Monforte, até os 175 casos activos (-2).

Do total das infeccións rexistradas, a área sanitaria da Coruña suma 28 novas, seguido de Vigo, con 23. Por detrás sitúase Santiago, que notificou 22, a de Ourense 19, Pontevedra 10 e Lugo 5. Mentres, Ferrol non notificou ningún cambio.

Pola súa banda, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- experimentou un importante descenso, até o 1,69 % e segue por baixo do 5 % que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia. A última vez que a Comunidade galega excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Galiza acumula desde o inicio da pandemia 2.403 persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19, despois de que na xornada do domingo Sanidade notificase dúas novas vítimas mortais.