Os casos activos de coronavirus na Galiza baixan a 524
07 de xuño de 2020 (14:39 h.)
Os casos activos de coronavirus manteñen a tendencia descendente, cunha redución de 18 nas últimas 24 horas. As persoas curadas ascenden a 10.242
As cifras actualizadas da Consellaría de Sanidade para este domingo sinalan que 22 persoas permanecen en unidades de hospitalización convencional e unha na UCI como consecuencia da enfermidade, catro menos que na xornada precedente.
Tamén baixan a 501 as persoas atendidas no seu domicilio, fronte as 515 do sábado.
Dos 524 casos activos na Galiza, 194 corresponden á área sanitaria de Vigo, 119 á da Coruña, 107 á de Compostela, 44 á de Ourense , 30 á de Lugo, 14 á de Ferrol e 16 á de Pontevedra.
Sanidade indica que desde o comezo do brote e até hoxe se produciron 618 falecementos de pacientes con COVID-19 no territorio galego, mentres que 10.242 persoas superaron a enfermidade, 21 máis das que se contabilizaban a pasada sexta feira.