Os casos activos de coronavirus seguen a descender e sitúanse en 465 e as persoas curadas suben a 10.356

Interior do hospital (Sergas).

O número de vítimas mortais é de 619.

O falecemento en Vigo dun home de 83 anos por coronavirus puxo fin a sete días sen vítimas mortais na Galiza pola COVID-19 e situou a cifra de mortes en 619.  O coronavirus continúa a reducir a súa incidencia na Galiza, situándose en niveis moi diferentes aos que rexistraba cara á mediados de abril, cando se atinxiu o pico da pandemia.

 Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, esta quinta feira, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 465.

Deles, 105 son da área da Coruña, 29 da de Lugo, 31 da de Ourense, 11 da de Pontevedra, 184 da área de Vigo, 92 da de Santiago, e 13 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 11 están en unidades de hospitalización e 454 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI desde esta cuarta feira. Polo de agora, na Galiza hai un total de 10.356 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 155.048.

Residencias

No que atinxe ás residencias de anciás, hai 25 casos activos (6 menos ca onte), dos que 14 son de persoas usuarias mentres que 11 son de traballadoras e traballadores.

Os falecementos son 274: 132 en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.