Os casos activos de Covid-19 na Galiza aumentan por cuarta xornada consecutiva

Unha sanitaria pon unha picada contra a Covid-19. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)

Repuntan a 77 os novos contaxios rexistrados. 

Os indicadores da pandemia soben en Galiza nesta primeira semana de novembro. Así, os novos contaxios de Covid-19 repuntan a 77, que supoñen 40 máis que o día anterior, os casos activos aumentan a 581 e os pacientes hospitalizados, a 34 -dous máis-. Ademais, a taxa de positividade sitúase por riba do 3,5%.

Segundo os datos actualizados na mañá esta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta cuarta, seguen seis persoas ingresadas en UCI pola Covid, pero soben a 28 as hospitalizadas noutras unidades -2 máis-, mentres que 547 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias a presión hospitalaria, sobe lixeiramente nas da Coruña e Cee, que segue cun paciente Covid en UCI e rexistra oito noutras unidades -un máis-, e na de Vigo, que continúa cun en críticos e conta con tres en planta -un máis-. As outras cinco áreas sanitarias mantéñense sen cambios.

É a maior suba de casos activos na Galiza desde finais de xullo

Os casos activos de Covid-19 aumentan por cuarta xornada consecutiva no conxunto de Galiza e sitúanse en 581, que supoñen 48 máis que a xornada anterior, ao haber máis contaxios (77) que altas (29).

En concreto, as infeccións activas só descenden na área de Pontevedra e O Salnés (-2) e aumentan nas outras seis: A Coruña e Cee (+18), Ourense (+12), (Ferrol (+7), Lugo (+7), Santiago e Barbanza (+5) e Vigo (+1).

Os novos contaxios de Covid-19 repuntan a 77, que representan 40 máis que os 37 da xornada anterior, após rexistrar 27 a terzafeira e iniciar a semana con 33. Até a data, o 11 de outubro rexistráronse 14, a cifra máis baixa desde que Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade'.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test- repuntou a un 3,58%, tras baixar ao 0,67% o día anterior.

Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o comezo desta pandemia mantéñense en 2.653, ao non notificar esta cuarta feira a Consellaría de Sanidade ningunha vítima.