Os casos activos de covid superan xa a barreira dos 1.000

Persoas paseando por Vigo este mes de outubro (Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

Aumenta a presión hospitalaria segundo informa o Sergas. A presión hospitalaria medra até o 4,85% e achégase ao 5% fixado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para controlar a pandemia. En 24 horas houbo 134 persoas contaxiadas.

Por primeira vez desde a saída da Galiza do estado de emerxencia sanitaria o país conta con 1.077 casos activos, 84 máis que a xornada anterior. Ademais, segundo informa este sábado a Consellaría de Sanidade, os novos contaxios tamén aumentan e exceden o centenar, 134 e a presión hospitalaria increméntase lixeiramente, con 49 hospitalizados -un máis- e a taxa de positividade sobe até o 4,85%.

Nos informe diario do Sergas figura tamén que as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 soben a 12 -unha máis ca esta sexta feira- no conxunto da Galiza, mentres que se manteñen en 37 as hospitalizadas noutras unidades.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente na da Coruña e Cee, que segue con tres pacientes Covid en UCI e rexistra 12 noutras unidades -un máis-, na de Ourense, con tres en críticos -un máis- e con 13 en planta -uno menos-. As outras cinco áreas sanitarias continúan sen cambios; e na de Vigo que, aínda que mantén a un hospitalizado en UCI, conta con cinco pacientes en planta.

Continúan sen cambios, doutra banda, a área de Pontevedra e O Salnés, a única de toda Galiza sen pacientes Covid ingresados, mentres que na de Lugo segue un paciente en UCI e dúas noutras unidades, e a de Ferrol rexistra tres en críticos e catro en planta.

A área de Santiago e Barbanza é a única que reduce a presión e mantén un paciente Covid en UCI e outro en unidades convencionais -dúas menos-.

Aumentan os contaxios

Por cuarta xornada consecutiva -desde a cuarta feira- Galiza rexistra máis dun centenar de novos contaxios diarios, que este sábado ascenden a 134, 11 máis que o día anterior, cando se rexistraron 123.

Desta maneira, as persoas contaxiadas na Galiza desde o inicio desta pandemia ascenden a 184.230, das que 43.525 corresponden á área da Coruña e Cee; 37.933, á de Vigo; 27.181, á de Santiago e Barbanza; 22.133, á de Ourense; 21.590, á de Pontevedra e O Salnés; 20.105, á de Lugo; e 11.750 á de Ferrol.

Desde o comezo desta crise sanitaria, segundo os datos actualizados por Sanidade, realizáronse 2.927.101 PCR na Galiza, que supoñen 2.595 probas máis que as rexistradas até o día anterior.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, continúa en ascenso e alcanza o 4,85%, após marcar un 3,61 por cento esta sexta feira. Así, a taxa de positividade, aínda que aínda por baixo, continúa achegándose á barreira do 5% fixada pola OMS para dar a pandemia por controlada.

2.655 persoas falecidas na Galiza

As persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19 desde o inicio desta pandemia na Galiza mantéñense en 2.655, ao non notificar desde o martes a Consellería de Sanidade ningunha vítima.

Pola súa banda, 180.532 persoas foron diagnosticadas e curáronse no conxunto do país desde o inicio desta crise sanitaria, que representan 50 máis que as contabilizadas até o día anterior.

Certificados Covid

Por outro lado, a Xunta emitiu xa un total de 2.149.567 'certificados covid', a inmensa maioría de vacinación que ascenden a 2.070.953. Ademais, outros 48.833 foron de resultado de proba diagnóstica e 29.781 de superar a enfermidade.

Sanidade lembrou, tamén, que as oficinas de farmacia adheridas ao acordo coa Administración galega poden acreditar a validez dos resultados destas probas e integralos nos rexistros do sistema.

Até agora, rexistraron os resultados de probas dun total de 51.510 persoas, que permitiron detectar a 530 usuarios con resultado positivo.

Á súa vez, estiveron a realizarse test de antíxenos gratuítos en diferentes puntos dos distritos sanitarios que, unha vez pechados, indican un balance de 27.816 persoas atendidas e 311 casos positivos detectados.