O catedrático da UDC Ricardo García Mira participa como experto convidado nun congreso sobre o cambio climático

Ricardo García Mira (segundo pola dereita), Mira participando no panel de expertos reunido en Brighton, Reino Unido, o pasado ano, durante o Congreso Europeo de Psicoloxía. (Foto: Nós Diario)

O Congreso Internacional de Psicoloxía decorrerá en Praga desde o 21 até o 26 de xullo.

Esta segunda feira, 22 de xullo, o catedrático da Universidade da Coruña (UDC) Ricardo García Mira participará como experto convidado no evento plenario sobre a "Psicoloxía do Cambio Climático: Entre a Ciencia e a Política", que terá lugar no marco do 33º Congreso Internacional de Psicoloxía que acolle Praga desde o 21 ao 26 deste mes.

No evento participarán máis de 8.000 psicólogas e psicólogos de todo o mundo para debater sobre a temática central de "Psicoloxía para o futuro: xuntos na esperanza".

Xunto a Ricardo García Mira, do departamento de Psicoloxía da UDC, participarán expertas e expertos como Irina Feygina, da Asociación Americana de Psicoloxía, Giuseppe Carrus, do departamento de Ciencias da Educación da Universidade Roma Tre, ou Jakub Hruska, procedente da Facultade de Ciencias da Universidade Charles de Praga.

O panel estará coordinado e moderado por Nicola Gale, da Federación Europea de Asociación de Psicólogos, e por Weronika Kalwak, do Instituto de Psicoloxía da Universidade Iaguelónica de Cracovia.

O cambio climático global antropoxénico supón unha ameaza para o medio natural, a sociedade, a economía, a xeopolítica e a saúde humana, así como para a supervivencia humana.

A comunidade psicolóxica de investigadores, profesionais, profesores e estudantes está cada vez máis implicada na mitigación e adaptación á emerxencia climática. Aínda que existe un consenso xeneralizado sobre os impactos disruptivos da mudanza climática nos ecosistemas e comunidades a nivel mundial, as psicólogas e os psicólogos atópanse con actitudes diversas e moitas veces conflitivas sobre como abordar os problemas do cambio climático na súa disciplina, dada a súa vinculación coa política global e rexional.