Catro especies de morcegos do Morrazo estarían en risco por colisión cos aeroxeradores eólicos

morcego Bechstein (Foto: UPV)

A única colonia de morcegos Bechstein da Galiza localízase no Morrazo.

Un informe publicado pola Plataforma Eólicos no Morrazo Non revela que catro especies de morcegos do Morrazo terían risco de morte por colisión coas pas dos aeroxeradores.

Das trece especies existentes na península morracense, seis están catalogadas como vulnerábeis e unha delas ten no Morrazo a única colonia coñecida na Galiza.

O estudo sinala que, aínda que haxa especies vulnerábeis con risco de colisión baixo, estas dependen intimamente de formacións de caducifolias, xa moi escasas na comarca. Nesta liña, salientan que a construción dun parque eólico degradaría o seu hábitat “fragmentándoo considerabelmente”.

A península do Morrazo conta con máis da metade das especies que se citan na Galiza e é a segunda zona con maior diversidade de quirópteros da provincia.

A comunidade científica ten alertado nos últimos anos do preocupante índice de mortandade de morcegos por causa dos macroeólicos, estimando para o Estado español en 385.000 morcegos mortos anualmente.

“O proxecto de parque eólico do Morrazo proposto por Arena Power, tal e como recolle a pouca documentación oficial dispoñíbel, implicaría a morte de 1000 morcegos por ano, segundo os valores medios máis recentes”.

Os morcegos galegos, explica a Plataforma, aliméntanse de insectos que poden constituír pragas agrícolas ou forestais, como a procesionaria do piñeiro, así coma vectores de enfermidades, como os mosquitos. Desta forma, a presenza de poboacións de morcegos ben conservadas contribúe a mellorar a saúde dos ecosistemas e, por tanto, das persoas.