Catro persoas ao día solicitan na Galiza que se lles impida apostar

1.500 persoas solicitaron en 2021 na Galiza ser excluídas das apostas online, unha media de catro ao día e unha cifra a sumar ás máis de 1.600 que pediron oficialmente que non se lles permita acceder aos salóns de apostas no país. O proxecto de Lei do xogo, que onte se admitiu a trámite na Cámara, permite abrir 15 locais máis.

O Parlamento da Galiza admitiu onte a trámite o proxecto de Lei do xogo da Galiza, a proposta elaborada polo Goberno galego e que vén substituír a normativa en vigor, que data de 1985 e acumula 25 modificacións ao longo destes anos. O PP tombou as emendas á totalidade presentadas polo BNG e o PSdeG a este proxecto que non toca apenas o negocio 'online', a modalidade á que accede maioritariamente a poboación máis nova e principal vía de adicción. O propio Consello Económico e Social (CES) criticara, no seu ditame sobre o anteproxecto, que non se regulase "a figura do xogo en liña".

Ao longo de 2021 na Galiza 1.500 persoas pediron que se lles anotase no Rexistro xeral de Interdicións de Acceso ao Xogo do Ministerio de Consumo, solicitando así que Administración e empresas do sector lle impidan o acceso a portais de xogos e apostas online. Unha ferramenta demandada desde os colectivos que traballan contra a ludopatía. Ademais, na Galiza había en 2020 máis.

Cada vez máis novos

Os datos do estudo Caracterización do xogo de azar na Galiza: un problema de Saúde Pública —elaborado por profesionais da Universidade de Compostela e da Dirección Xeral de Saúde Pública—, apuntan que na mocidade galega de 16 a 24 anos, "16 de cada 100 realiza apostas en liña" e cifra en 1,2% a porcentaxe de galegos e galegas que están en "risco" por xogo. Da poboación galega de 16 anos en diante, recolle o mencionado estudo, 58,1% gastou diñeiro en xogos de azar nos últimos 12 meses.

De feito, a cantidade xogada na Galiza en apostas presenciais aumentou en 15% entre 2020 e 2021, situándose por riba dos 113 millóns de euros e situando o país como o quinto territorio do Estado con maior gasto neste campo. No bingo, os galegos e galegas deixaron en 2021 algo máis de 30 millóns de euros.

O proxecto de Lei de xogo da Xunta, que onte defendeu desde o estrado do Parlamento o vicepresidente segundo, Diego Calvo, permite a instalación de 15 estabelecementos máis que os existentes na actualidade. Autoriza até catro casinos e salas adicionais (hai tres), 118 salóns de xogo (hai 114), 41 casas de apostas (33) e 12 bingos (actualmente existen 10). 

Novos locais e máquinas

A proposta defendida polo Goberno galego estabelece tamén unha maior marxe para instalar máquinas de xogo de tipo B—coñecidas como 'comecartos'—, até 12.000. O estudo anual que publica a Dirección Xeral de Ordenación do Xogo do Ministerio de Consumo indicaba que en 2021 había na Galiza 7.671 desas máquinas, situadas en 6.882 locais de hostalaría. En 2020, o ano do confinamento, o xogo a través das comecartos xerou na Galiza, segundo o Anuario do Xogo en España, ao redor de 74 millóns de euros. O proxecto que xa está na Cámara galega tamén fixa en 3.600 os aparatos auxiliares de apostas. Nos locais de hostalaría da Galiza hai instaladas algo máis de 2.900 destas máquinas. Estes datos levaron a oposición, onte, a criticar a lei de xogo até o punto de pedir a devolución da mesma.

"A quen beneficia?"

Iria Carreira (BNG) denunciou que o proxecto de lei "chega tarde" e, ademais, é "decepcionante" ao non dar propostas nin medidas perante as "condutas patolóxicas" relacionadas co xogo. A deputada nacionalista lamentou que "non se tivesen en conta" as alegacións e propostas feitas polo Consello Económico e Social (CES) e outros organismos e incidiu en que "a oferta de xogo é excesiva en relación á demanda da poboación" pero a Xunta contempla "autorizar máis estabelecementos". "O PP ten afinidades co sector do xogo", acusou. 

Pola súa parte, Julio Torrado (PSdeG) cualificou de "morna e branda" a lei que se traía a trámite e tamén se referiu aos diferentes colectivos, entidades e organismos, "como a propia Consellaría de Sanidade", a cuxas propostas non se atendeu, dixo. "Para quen fixo esta lei, señor Calvo?", preguntou o parlamentar socialista. Diego Calvo defendeu o proxecto. "Foi un proceso longo no que falamos con todos" e destacou actuacións como a de non poder abrir estes estabelecementos a 300 metros radiais de colexios. "Iso é para os novos, os que xa existen, seguirán perto", reprochoulle a oposición.