Catro traballadoras acusan o ex xefe de planta de El Corte Inglés de Compostela de tocamentos e propostas: “É un depredador”

O acusado négao e vincula a acusación, pola que foi sancionado pola empresa e despedido, a unha cuestión laboral.

 

Catro ex traballadoras de El Corte Inglés de Santiago aseguraron esta cuarta feira que o que fora o seu responsábel de planta ata 2017 sometéraas a propostas e tocamentos “soeces” e dixéralles frases e xestos de contido "sexual". "Para min é un depredador", dixo unha das testemuñas.

As mulleres compareceron nos xulgados de Santiago nunha vista penal contra quen foi o seu responsábel de plantas entre 2014 e 2017, ao que unha delas denunciou por suposto acoso sexual e laboral, un proceso ao que, despois de recorrer ao protocolo interno da empresa neste tipo de casos, derivou no despedimento do ex xefe de planta, que un xulgado apoiou posteriormente.

Agora, a denunciante, Isabel Fraga, tamén leva o caso á vía penal, para depurar responsabilidades polo que ela considera que foi un acoso sexual continuado e do que tamén foron vítimas outras compañeiras.

Na súa declaración na vista, a denunciante asegurou que o acusado chegou á planta onde traballaba, o departamento de electrodomésticos, en 2012, "desde o Hipercor, por problemas de saias" e que, pouco despois, "comezou" a dicirlle "cousas" de contido sexual, "facer xestos obscenos" ou dicir "frases soeces”, como "non me veñas con eses morritos, que me pos cachondo".

A muller explicou que, no seu lugar de traballo e cando estaban soas, mostroulle "vídeos e fotos pornográficas" e chegou a facerlle propostas para manter relacións sexuais nun "motel que coñecía". Do mesmo xeito, acusa o que fora o seu xefe de "tocamentos inadecuados": "Colleume pola cintura” e díxome: “que duriña estás”

"Foi paulatinamente, gradualmente, pero desde o principio", dixo a muller, que respondeu a esas ofertas marchando outro lugar. "Se non segues o xogo, sabes que estarás na rúa ou que fará a túa vida imposíbel", explicou.

A traballadora informou dos feitos ao departamento de persoal en 2016, pero, dixo, ignorárao. "Dixéronme que non lle dera importancia e en novembro pedín marchar porque a situación era insoportábel", resumiu.

A raíz da consulta co seu médico, a traballadora puxo os feitos en coñecemento do protocolo interno de El Corte Inglés, un departamento que emitiu un informe no que apreciaba a existencia de acoso sexual do denunciado.

Na vista  declararon outras tres mulleres que tamén traballaron na mesma planta do centro comercial compostelán e que, segundo afirmaron, sufriron os comentarios e propostas do acusado.

En concreto, unha das testemuñas contou como, cando estaba embarazada coa súa segunda filla, o entón xefe da planta díxolle que "agora era o momento de facelo", porque así non quedaría embarazada e afirmou que o acusado tomouna "das cadeiras" e da "cabeza" con intencións de natureza sexual. A muller dixo que non informou dos feitos por medo a ser "botada á rúa", como despediran a un compañeiro que "se lle enfrontou".

Outra traballadora, visibelmente afectada, relatou como o acusado facía comentarios sexuais e "propúxome ir con el", mentres lle facía "tocamentos". "Non informei porque non me sentía apoiada, porque non era capaz, e temía que houbese represalias", explicou a muller, que defendeu que foi cando foi chamada a testificar no informe interno cando soubo que había máis casos. "A súa forma de falar comigo e o seu comportamento non eran normais. Para min, esta persoa é unha depredadora", dixo.

Finalmente, tamén declarou unha traballadora do departamento de atención ao cliente, situada no mesmo andar, que dixo que era "habitual" que o acusado "dixese cousas de contido sexual" e lle mostrase "imaxes pornográficas" no seu teléfono móbil.