Catro vítimas do calote das preferentes

[Imaxe: Zapa Dacosta]

Recollemos catro dos milleiros de historias que agochan as sinaturas de contratación das participacións preferentes e subvordinadas vendidas por Novacaixagalicia


Miles de persoas estafadas coa venda de participacións preferentes viven situacións dramáticas. Sermos Galiza quixo darlles voz a catro del@s, que partillan connosco as súas historias

Ana: "Díxome que non fixera caso das especulacións"

Falamos con Ana, unha muller de mediana idade que prefire manter o seu lugar de residencia no anonimato e que nestes momentos se atopa en paro. “Eu tiña uns cartos a prazo fixo e chamoume o director do banco a casa dicindo que tiña data de vencemento e que me vencerían eses días. Fomos a cambialos e pedímoslle outro prazo fixo”, cóntanos. Porén, o director ofreceulle unha solución mellor, outro suposto depósito fixo. 

Garantíronlle que podería retirar os seus cartos cando ela quixera.“Nós insistiámoslle en se poderíamos sacar os cartos sen ningún problema, el nos contestaba que si, que sen ningún problema, que isto era coma un prazo fixo”. Ao final firmaron seguros de que o que estaban a asinar non tiña ningún risco. Esquecéronse do asunto até que o rumor sobre as preferentes chegou aos seus ouvidos. Cando Ana foi a asegurarse bateu cun contrato de subordinadas no canto do prazo fixo que a ela lle garantiran.

Unha é outra vez, o banco teimaba en que o seu contrato non tiña ningún problema. Porén, en setembro, cando as subordinadas entraron no mesmo saco cas preferentes, a realidade abriuse paso. Ana vía como os seus cartos quedaban totalmente atrapados no banco e non se lle devolverían. 

Carmen: "Estou atada de pés e mans"

Carmen, veciña de Santiago de Compostela, acude cada mañá a “loitar” a unha das sucursais de NovaGalicia Banco. “A miña historia é coma todas, coma todas dos demais que estamos aquí”, lamenta Carmen. Esta xubilada decatouse de que perdera os seus aforros durante o tempo que o finado do seu marido estivo no hospital debido a que sufrira un ictus. Carmen relata que asinou un contrato coa entidade financeira sen que ningúen lles explicase ben os pormenores do que estaban a asinar. “Eu precisaba deses cartos, pero estaban intervidos, en preferentes. Non sabía que era iso, non sabía o que asinara”, conta desesperada. Quitáronlle 80.000 euros. 

En abril do ano pasado deixou de recibir os réditos do contrato. “A caixa díxome que en xullo ou agosto ía recibir o meu diñeiro, mais pasou o tempo e non me devolveron nada”, conta Carmen. Despois disto, acudiu á Arbitraxe e púxose en contacto coa Plataforma de Afectados polas Preferentes. 
A día de hoxe, esta muller encóntrase nunha situación desesperada, “ninguén, nin o banco nin a Xunta sabe darnos unha explicación ou unha solución para que poidamos recibir os nosos cartos. Por eles, estou atada de pés e mans”.

Jesús: "Se estamos todos xuntos haberá máis posibilidades"

Dentro de estas historias tan conmovedoras  atopámonos a Jesús López, que se atopa de baixa por problemas no corazón, e que é outro home que se suma ao carro dos afectados polas preferentes. “Piquei coma un pardillo coma outro calquera, tiña alí uns poucos cartos, e confiaba sempre na Caixa. Un día chamáronme e dixéronme  que me ofrecían un novo contrato para manter os cartos, metinos e perdinos”. Jesús asegura que non se lle deu ningún tipo de explicación deste novo contrato. El, por suposto, non tiña coñecemento do tema das preferentes, simplemente a Caixa na que el confiaba lle asegurou que en calquera momento ía poder retirar os cartos sen ningún problema, pero non era así. 

Cando Jesús quixo retirar os cartos foi demasiado tarde. Amósase indignado e síntese estafado. Agora mesmo atópase nunha situación na que non pode traballar e todos os aforros que tiña pasaron a mans do banco. A única solución que acha Jesús e loitar. Unha loita en grupo, non individual.“Se estamos todos xuntos haberá máis posibilidades, un por un non temos solución  ningunha, nin  nisto nin en nada”, puntualizou.

Marina: "Dixéronnos que poderíamos sacar os cartos mesmo mañá"

Marina, unha muller dos arrabaldos de Santiago de Compostela, traballou xunto co seu home no estranxeiro durante toda a súa vida. Hai uns anos decidiron volver e seguindo os consellos dunha empregada do banco, na que tiñan confianza, ingresaron parte dos seus aforros nunha nova conta. “Díxonos que ao cambiar os nosos cartos para esa conta íamos ter moitos máis intereses, pero nós lle insistimos que non os metese en accións. Asinamos e, ao perguntarlle se o noso diñeiro estaría en perigo, ela nos asegurou que non. Díxonos que poderiamos sacar os nosos cartos cando quixéramos, mesmo mañá”, recorda Marina con mágoa.

Advertiron a estafa cando deixaron de recibir os réditos da conta. “Acudimos ao banco e dixéronnos que os cartos estaban conxelados, non os podíamos retirar. Estaban en preferentes. Quixen falar coa empregada que nos abrira a conta, mais ela desaparecera. Agora sei que a todas esas persoas as van cambiando, para que non poidamos botarnos enriba delas”, afirma.

Marina e o seu marido acudiron á arbitraxe mediante un avogado e, actualmente, aínda seguen a espera de recibir os seus cartos. Cando lle preguntamos a Marina cal é a súa situación, conta con tristura que esta “ben”. “A miña historia e que eu e máis o meu home fomos polo mundo adiante traballando duro, pasando moitas penurias, para logo chegar aquí e que se queden cos nosos cartos, froito do noso traballo”.