Cedeira recomenda non consumir auga da traída tras detectar un gromo de gastroenterite

Vista aérea de Cedeira (Ferrolterra). (Foto: Xunta da Galiza)
Unhas catorce persoas víronse afectadas polo gromo de gastroenterite que afecta a poboación desta localidade da comarca de Ferrolterra.

O goberno local de Cedeira (Ferrolterra) recomendou á veciñanza da localidade non consumir auga da traída municipal, como medida de "prudencia e seguridade", tras detectar un gromo de gastroenterite do que aínda non se coñece a súa orixe, segundo explicou o primeiro tenente de alcalde, Xosé Antonio Arribe (BNG).

Segundo detallou o integrante do Goberno bipartito (PSdeG-BNG), o Concello recibiu "un aviso das autoridades sanitarias de Cedeira" no que se comunicaba o brote de gastroenterite e a primeira decisión foi "alertar a poboación", aínda que matizou que moitas veciñas e veciños contan con traídas particulares.

Na mañá desta sexta feira integrantes do Goberno local reuníronse con persoal do centro de saúde, que lles confirmaron que hai "unhas catorce persoas afectadas", e pediuse á empresa encargada da subministración "unhas análises máis exhaustivas que as realizadas a diario", para desta forma "buscar se existe a posibilidade de que teña algún tipo de contaminación".

O Concello espera que o estudo estea feito en "dous ou tres días, xa que son empresas especializadas e autorizadas polo Estado español".

Xosé Antonio Arribe tamén detallou que se instalou na praza da Constitución, na Revolta, un camión cun alxibe de auga, "para que a xente se poida abastecer de auga sen ningún problema", e ofrecer este servizo mentres se segue buscando a causa destes problemas estomacais na poboación desta localidade costeira pertencente á comarca de Ferrolterra.