[VÍDEO] Cedeira únese contra o recorte de profesorado que a Xunta quere levar a cabo no IES Punta Candieira

Veciñanza de Cedeira manifestándose este sábado contra os recortes no instituto. (Foto: Concello de Cedeira)

Pais e nais denuncian que a intención da Consellaría de Educación é eliminar 11 docentes e 18 matrículas.

No día de onte, a veciñanza de Cedeira tomou as rúas do concello para exixir que a Xunta non execute o seu plan de recorte de profesorado no IES Punta Candieira. Segundo denuncian pais e nais do alumnado do centro educativo, a intención da Consellaría de Educación é eliminar o posto de 11 docentes e 18 matrículas.

A concentración tivo lugar despois dun pleno municipal extraordinario no que se debatía a aprobación dunha moción presentada polo BNG e o PSdeG para reclamar que se manteñan eses 11 profesores e profesoras.

Na sesión, na que ademais dos portavoces municipais de todas as formacións municipais con representación no Consistorio, tamén estivo presente a portavoz da plataforma veciñal constituída esta mesma semana para defender os intereses do alumnado do instituto, María Pernas, alcanzouse por unanimidade o acordo de redactar unha declaración institucional e exixir unha reunión co responsábel na Xunta de Educación, Román Rodríguez.

Unha vez rematado o pleno extraordinario, a veciñanza de Cedeira comezou a manifestarse. Portando camisetas negras e carteis contra os recortes da Xunta no ensino público galego, decenas de pais e nais demandaron a paralización do proceso de redución do cadro de docentes do IES Punta Candieira, cando queda menos dunha semana para o comezo do novo curso académico.

Consecuencias do recorte de profesorado

A dirección do instituto, que dimitiu despois de coñecer as intencións da Xunta, trasladou un detallado informe aos pais do alumnado do centro educativo, no que se reflicten todas as trabas coas que se van atopar os docentes e a mocidade de cara ao vindeiro curso que comeza a semana que vén, no caso de que a redución de profesorado se faga efectiva.

Así, e segundo recolle este escrito, a redución do cadro de docentes provocaría o cese dos reforzos educativos de Lingua Castelá e de Matemáticas en 1º e 2º da ESO. Tampouco se poderán levar a cabo os desdobramentos para o laboratorio do centro estudantil nas materias de Física e Química e Ciencias Naturais, polo que estas serán impartidas só de maneira teórica, sen contar co compoñente práctico.

Aliás, a falta de profesorado afectará á elaboración dos grupos nos distintos niveis da Educación Secundaria Obrigatoria. Segundo lamenta a dirección, a intención da consellaría é levar os ratios de alumnado até o límite máximo para así poder recortar nas horas que faga o profesorado do centro.

Por outra parte, o recorte de profesorado que critican provocaría a redución de varias optativas no Bacharelato, o que “afectará á ponderación da nota final que poidan necesitar para acceder a estudos superiores, tanto de Universidade como de Ciclos Superiores”.